NO A FONDO DESTA SEMANA

Os Celga, maltrato laboral e á lingua

É moito máis ca un conflito laboral. A profesionalización do sistema de formación de adult@s non será posíbel sen o recoñecemento de dereitos laborais ao profesorado. Abordámolo neste A Fondo, disponíbel xa na nosa loxa.

capa 380

A precariedade, primeiro, e logo os despedimentos e a represión  ao profesorado de formación en galego para adult@s é unha mostra máis do maltrato ás políticas lingüísticas por parte da Xunta de Galicia. Dende esta perspectiva abórdase a problemática ao redor dos Celga no A Fondo desta semana, que foi proposto polos propios lectores e lectoras de Sermos a partir da campaña "Propón o teu A Fondo" que lanzamos canda a publicación do número 100 do suplemento.

O caderno de análise de Sermos Galiza repara no conflito laboral, nos seus antecedentes e nas posíbeis solucións, mais non só. Nas súas páxinas, analízase o funcionamento dos Celga, o sistema estandarizado empregado para formar en galego e avaliar e acreditar as competencias nas nosas lingua, e fanse propostas para mellorar a formación de adult@s.

O conflito laboral polo miúdo

"Son máis de cen familias que perderon unha fonte de ingresos, nalgún caso a única", afirma o avogado da CIG, Xermán Vázquez.

"Este colectivo leva impartindo cursos de galego para a Xunta de Galiza dende hai décadas mais, curiosamente, nunca asinou un contrato laboral. Nunca se lle deu de alta na Seguridade Social e, entre outras cousas, nunca tivo dereito a vacacións, a baixas laborais, a unha prestación por desemprego ou á cotización para a xubilación", sublíñase nun dos artigos deste A Fondo, no que se fai seguimento do conflito laboral, dende as denuncias, primeiro, do colectivo afectado ante a Inspección Laboral, que lles deu a razón, até as sentenzas favorábeis dos xulgados do Social e do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que está a declarar nulos os despedimentos.

"Son máis de cen familias que perderon unha fonte de ingresos, nalgún caso a única", afirma o avogado da CIG, Xermán Vázquez nunha entrevista que explica polo miúdo a peregrinaxe xudicial e as súas perspectivas.

Función social e de prestixio

"Hai demanda, hai xente que quere aprender, que necesita formarse para adquirir seguridades para o uso do galego, e a Xunta desaténdea", afirma. Nel Vidal, o presidente da CTNL, no artigo que escribe para este A Fondo.

Nel Vidal, o presidente da CTNL, a Coordenadora de Traballadores-as de Normalización da Lingua, repara na función que a formación en galego de persoas adultas ten para normalizar a situación da lingua. "Hai demanda, hai xente que quere aprender, que necesita formarse para adquirir seguridades para o uso do galego, e a Xunta desaténdea", afirma.

"Os Celga son un instrumento que debe ter un necesario impacto na percepción da lingua" -explica neste A Fondo Xaquín Núñez, profesor na Universidade do Minho e integrante no seu momento da Comisión Central de Avaliación, encargada de definir a organización das probas Celga. E sono, non só, porque permiten avaliar e certificar a competencia real en galego senón tamén porque inflúe na percepcion da lingua, "como factor relevante e posible de uso social, de estandarización de modelos e de normalización lingüística".

A coordenadora da Asemblea do Profesorado da Secretaría Xeral de Política Lingüística explicita, neste A Fondo, a súa propostas de futuro ao redor da formación de adult@s: a creación dun Centro de Formación de Adultos en Lingua Galega, que vaia dende a planificación e impartición dos Celga até cursos no exterior ou de alfabetización.

Máis en Só en papel
Comentarios