Termas ao ar libre: auga, saúde e relaxación

Case unha decena de concellos de sete comarcas da Galiza atesouran augas termais en espazos ao ar libre. De balde ou explotadas por empresas privadas, estes espazos se teñen convertido nunha alternativa de turismo saudábel. A cidade de Ourense, con oito termas ao ar libre, lidera a oferta na Galiza, mentres que Salvaterra do Miño (O Condado) ten as termas ao ar libre máis grandes do país, o espazo termal Teáns, con vistas ao veciño municipio luso de Monção.

Baños de Bande (Baixa Limia). (Foto: Concello de Bande)
Baños de Bande (Baixa Limia). (Foto: Concello de Bande)

Galiza é un dos territorios da península ibérica con maior cantidade de augas termais. O aproveitamento destas augas a elevadas temperaturas e con propiedades beneficiosas para o organismo desenvólvese no país desde a época dos romanos, aínda que noutros casos son explotacións relativamente recentes. Explica o escritor e ilustrador Héitor Picallo que "o primeiro rexistro documental que existe sobre algo relacionado coa auga quente é do ano 14 despois de Cristo" a través da datación que se fixo dunha moeda –acuñada no ano 14 en Zaragoza– desa época dentro dun pozo de auga quente en Cuntis (Comarca de Caldas). "Seguramente foi a modo de ofrenda ou doazón por parte de alguén que se sentiu aliviado ou recuperado dunha doenza e como pago ás deidades que habitaban neses mananciais botou unhas moedas en gratitude".

Na Galiza pódese desfrutar de augas termais ao ar libre –algunhas de balde e outras a prezos de até 7 euros por dúas horas– en dez concellos de todo o país. Bande e Lobios na Baixa Limia; Cenlle e Ribadavia no Ribeiro; a cidade de Ourense, Salvaterra de Miño (O Condado), Vilalba (Terra Cha), a cidade de Lugo e Punxín e O Carballiño na comarca do Carballiño debuxan o mapa destes espazos nos que hai mananciais de auga até 90 graos de temperatura e na maioría dos casos con mineralización débil e presenza de compostos indicados para o tratamento de doenzas dermatolóxicas, hepato-dixestivas, respiratorias ou rematolóxicas.

[Poderás ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario deste sábado, 31 de xaneiro. Resérvao no teu quiosque ou subscríbete ao xornal!]

Comentarios