Pernas Varela. O invisíbel

O arquitecto Antonio Pernas Varela sandou varias xoias do patrimonio galego dunha forma moi discreta. O seu traballo, para moitos invisíbel, busca o equilibrio entre respectar o monumento e, ao mesmo tempo, non renunciar a deixar unha achega para o futuro.  
Novo teito de madeira da igrexa de Tirán. (Foto: Antonio Pernas)
photo_camera Novo teito de madeira da igrexa de Tirán. (Foto: Antonio Pernas)

A dóitase estabelecer o prazo de cen anos para determinar se un edificio relevante é un ben patrimonial. Este tempo levado á orde xeracional quere dicir que a arte feita polos nosos tataravós e tataravoas agora é considerado un monumento a conservar. Por suposto, canto maior é a idade do monumento, máis xeracións pasaron por el, e maior é a responsabilidade do que lle toca intervir nel. O arquitecto Antonio Pernas Varela enfróntase a este reto acotío. Ademais de facer unha boa obra, ten a responsabilidade de manter un patrimonio herdado de moitas xeracións atrás. Aínda que tamén ten deseñado edificios novos, o máis destacado do seu traballo está na rehabilitación e restauración de edificios históricos. 

As intervencións patrimoniais desenvolvidas por Pernas teñen unha gran carga de humildade, coñecemento técnico e traballo de síntese. A humildade consiste en intervir en espazos e ser practicamente invisíbel. Para os ollos non especializados o seu traballo pasa desapercibido. "Intervir no patrimonio precisa esmero. Non tes as mesmas ferramentas que os que construíron o monumento, pero hai que intentar estar á altura, e hai que facelo con coidado. A intervención non pode ter máis presenza que o propio monumento. O equilibrio é moi difícil. É o mesmo consello que lle dou aos meus fillos: hai que ter moito respecto aos demais pero tamén respectarse a un mesmo", di o arquitecto. 

Este equilibrio necesario está condicionado pola formación técnica, a de coñecer os materiais e os saberes tradicionais. Isto permite aproveitar as virtudes do edificio, ao tempo que o coñecemento das últimas técnicas posibilita facer solucións que até non moito era impensábeis. A dificultade última do seu traballo é a de, entre todas as posibilidades de intervención, escoller a adecuada. "Escribo e fago diagramas para ordenar as ideas. Gústame ler para documentarme... aínda que cos anos estou perdendo vista. Este defecto meu, o de gañar dioptrías cos anos, faime preocuparme menos dos pequenos defectos. Non son tan importantes os defectos superficiais como os defectos de fondo. A formulación é o que ten que ser atinado. Se tes a formulación ben, o outro vai chegando", así é como Antonio describe o seu proceso de síntese de proxecto. 

Ademais de destacar polo traballo rigoroso, Pernas é un entusiasta da profesión. Demostra esa paixón cando conta con emoción como actualmente está traballando na rehabilitación dun edificio na Coruña con vigas de madeira de 150 anos, en perfectas condicións. Esa paixón é herdada de cando rematou a carreira e comezou a traballar con Alfredo Freixedo, outro apaixonado do oficio. Despois duns anos traballando nese estudio, comeza a facer os primeiros proxectos de forma independente. Curiosamente, cos anos volveuse atopar con Freixedo, neste caso intervindo nun edificio que xa fora rehabilitado por este nos anos 90: o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. O traballo desenvolvido neste monumento do século X por Pernas foi o de cirurxián. Fixo obras menores, cousas tan sinxelas como facer unha pasarela de madeira sobre un enreixado tradicional, para facilitar a entrada na igrexa. Encargouse de pequenas reparacións pola entrada de auga, proteccións dos contrafortes, mellorar a drenaxe do perímetro ou un pequeno expositor. Este último aproveita os capiteis esculpidos que se atopaban no chan para poñelos en valor. Traballa cunha chapa de aceiro en curva que sitúa nun curruncho da sancristía. Deste modo, organiza o espazo e pon en valor o patrimonio existente. 

Renovación da cuberta 

Un gran mosteiro ou unha pequena igrexa parroquial poden ser igual de complexas de intervir. No proxecto da igrexa de San Xoán de Tirán de Moaña, tivo que enfrontarse ao reto de recuperar a cuberta de madeira. O templo románico do século XIII sufrira durante o último século o cambio da cuberta orixinal de madeira por unha de formigón. O aceiro que contiña o forxado, ao estar ao lado do mar, atopábase moi danado. Aproveitando as obras de reparación da cuberta, substituíuna por unha bóveda de madeira, que resiste mellor o salitre do mar. Por outro lado, as vigas de madeira facilitaban o transporte polos estreitos camiños da parroquia. 

Durante as obras atopou un arco apuntado tapiado. Abriuse o oco e fíxose un lucernario no anexo á igrexa para gañar un novo punto de entrada de luz. Ademais, reconstruíu tamén o coro en madeira e fixo unha nova escaleira de subida que, ao mesmo tempo, serve de saída á cuberta. A igrexa recupera o espírito orixinal ao tempo que gaña amplitude e iluminación. 

A recuperación dos frescos do templo foi o detonante da intervención noutra cuberta intervida por Pernas. Antes da restauración das pinturas era fundamental evitar a entrada de auga. Fixo unha intervención profunda nas cubertas da catedral de Mondoñedo. Os criterios actuais da restauración están a favor da recuperación dos elementos existentes e do uso de técnicas pouco invasoras. O arquitecto estudou a estrutura de madeira do século XVIII que suxeita a cuberta e concluíu que tan só era preciso substituír tres pezas de carballo, tres tirantes das tesoiras da cuberta de 11 m de longo. Na época non era habitual o uso de carballo, posto que estaba reservado a embarcacións militares. Elementos destas excepcionais características non se atoparon nesta madeira e houbo que cambiala por castiñeiro. 

As partes danadas das tesoiras foron reforzadas con resinas artificiais de última xeración. Outra das dificultades enfrontadas foi a de recuperar a luz no interior do templo. Co crecemento en horizontal (é alcumada a catedral axeonllada) os ocos orixinais da igrexa ábrense a espazos anexos sen luz. Antonio aproveitou a intervención para facer novos lucernarios na cuberta, iluminando os espazos anexos e a través destes o interior da catedral.

Discreta accesibilidade 

Intervir nun monumento non só é reparalo, ás veces son necesarias actualizacións. A muralla de Lugo é un dos espazos públicos máis usados pola cidadanía, mais até hai pouco era de moi difícil acceso para persoas con mobilidade reducida. A proposta de Pernas, escollida nun concurso público, foi a de facer un ascensor nun sinxelo volume de aceiro, madeira e vidro. O vidro permitíalle ter unha visión panorámica da cidade desde o interior. O aceiro posibilita ter unha estrutura moi fina e esvelta, o que lle resta presenza. O ascensor de aceiro e vidro suporía un elemento moi brillante e demasiado rechamante. O arquitecto revestiu o volume cunha celosía de madeira que evita os brillos do vidro ao tempo que protexe o interior do sol. Ademais, a madeira é un material que vai envellecer e lograr un ton gris que fará xogo coa pedra da muralla. O sinxelo volume fai a súa función de forma moi discreta, case invisíbel, actualizando un monumento milenario e achegando novas posibilidades para as futuras xeracións.

Máis en Reportaxes
Comentarios