A Xunta tramita oito novas plantas de biogás a maiores das oito que xa operan no país
A Conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, desvelou no Parlamento galego que a Xunta da Galiza está a tramitar a avaliación ambiental de oito novas plantas de biogás no país, que de pasar a tramitación ambiental sumaríanse ás oito plantas autorizadas e en funcionamento xa no país. Vázquez respondía con este dato a unha interpelación do BNG na Cámara galega arredor da estratexia da Xunta con estes proxectos. O deputado nacionalista Xosé Manuel Golpe criticou que neste eido "o papel da Galiza é unha incógnita, non hai planificación, regulamento nin folla de ruta".
A conselleira de Medio Ambiente asegurou que a tramitación destes proxectos lévase a cabo "co máximo rigor técnico" e referiuse ao Plan de Xestión de Residuos Industriais da Galiza como a normativa que a Xunta está a aplicar coas plantas de biogás. Criticou Vázquez que o Goberno español "non ten feito unha normativa homoxénea" para todos os territorios a respecto. Vázquez demandou tamén do Estado español "que cumpra coa planificación eléctrica para as redes de distribución da enerxía" xerada nestas plantas. Asegurou a conselleira que para a Xunta estas plantas de biogás son "un gran potencial" e reclamou "un marco normativo de planificación enerxética a Madrid".
Golpe referiuse á contestación social que está a xerar entre a veciñanza este tipo de instalacións en varios puntos do país e demandou "rigor" da Xunta da Galiza a respecto de cuestións como a súa localización, a regulación das materias empregadas e os dixestatos resultantes ou as restricións aos efectos do transporte nas zonas de influencia destas plantas.
Sobre o debate planeou a recente renuncia da empresaria Carmen Lence a unha destas plantas en Lugo pola contestación social xerada. O deputado nacionalista acusou a empresaria de "mentir" a respecto do diálogo mantido co concello de Lugo. "Hai fotos das reunións", afirmou Golpe; "o problema téñeno cos veciños de Lugo" que rexeitan a instalación desta planta. A conselleira de Medio Ambiente criticou que diante de proxectos como as plantas de biogás "só saen plataformas e algaradas" e advertiu que "os empresarios galegos continuarán adiante".
Desde o BNG insistiron en reclamar ao Goberno galego "rigor" e unha regulación específica para estas plantas e apostaron, mentres tanto, por unha "moratoria" até aclarar o marco normativo para a posta en marcha de máis proxectos no país.

