Ana Pontón, portavoz do BNG

"A Xunta ten que poñer fin a 30 anos de políticas pirómanas"

Ana Pontón no Pleno do Parlamento. Foto: cedida.

Para Ana Pontón, "a autocompracencia e a falta de autocrítica" da comparecencia de Núñez Feijóo só se pode definir dun xeito: "Un insulto". A portavoz do BNG recolleu a luva do presidente da Xunta e a súa distinción entre "arder" e "queimar", mais deulle a volta: "A Galiza quéimana as políticas pirómanas do Goberno, as portas xiratorias de Ence, o abandono do rural".
 

Pontón despregou unha serie de preguntas sobre a actuación da Xunta a fin de semana do 15 de outubro, cando arderon 50.000 hectáreas de monte en 137 concellos, morreron catro persoas e houbo 128 feridas. "Vai ter a humildade e a decencia política de pedir perdón? Por que non activaron a prealerta? Por que aquel domingo pola mañá non se mobilizaron todos os medios dispoñíbeis?", inquiriu. E esixiu do Goberno galego que "aclare as súas resonsabilidades" e que "poña fin a 30 anos de políticas pirómanas".

 

Un plan de protección das casas e das infraestruturas, o freo á extensión do eucalipto, elaborar o Pladiga no primeiro trimestre ou a necesidade dun mando único no dispositivo de extinción foron as medidas que reclamou, antes de concluír cunha cita do propio Feijóo tras a vaga de incendios de 2006: "Hai que cesar o conselleiro, constituír unha comisión de investigación e, despois, chegar a un pacto forestal".