A Xunta, tras criticar a chegada de menores migrantes, di agora que as políticas de Sánchez "acaban provocando" ataques como o de Monforte

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. (Foto: Arxina)
O Goberno galego acusa as políticas do Executivo de Sánchez de "pór en risco" o sistema de protección galego e de ser as responsábeis de "acabar provocando" este tipo de situacións violentas.

A Xunta da Galiza insiste en que o centro que albergará menores migrantes trasladados desde Canarias, Ceuta e Melilla é unha "consecuencia de imposicións" do Goberno español, en referencia ao repartimento de acollidas planificadas entre as autonomías.

Ademais, acusa as políticas de acollida de menores migrantes impulsadas polo Executivo de Pedro Sánchez "acaban provocando ataques como o sufrido o sábado" no futuro centro de Monforte (Terra de Lemos), sobre o que lanzaron cócteis Molotov.

Esta foi a resposta do Executivo galego, contida nun comunicado remitido aos medios de comunicación, ás declaracións do secretario de Estado de Mocidade, Rubén Pérez, realizadas nunha entrevista que foi emitida este domingo, mais que foi gravada horas antes do ataque ao centro de Monforte.

O representante do Goberno español criticou nela a creación deste centro e apuntou que Galiza "está moi por baixo dos niveis migratorios do resto de España". Pérez aclarou que se a Xunta o utilizase como "centro de primeira acollida" para, despois, realizar derivacións a outros centros especializados en función da casuística, "non sería tan grave" como "expor de maneira velada dous sistemas de protección á infancia", nos que un deles sexa único para menores de orixe estranxeira.

Pola súa parte, a Consellaría de Política Social dá a versión contraria ao Executivo estatal. "O sistema autonómico de protección da infancia e adolescencia ten sobreocupación, polo que é totalmente falso que Galiza teña prazas dispoñíbeis para responder á imposición do Goberno estatal que quere enviar á comunidade 317 menores estranxeiros", replicou.

Deste modo, asegura que "non ten outra alternativa" á habilitación de edificios específicos como o de Monforte, o que perfila como unha "consecuencia dunha imposición orquestrada polo Goberno". En contraposición, defende o sistema de protección galego como un "modelo de éxito".

Ataque ao futuro centro

O futuro centro da Xunta en Monforte sufriu durante a madrugada do sábado un ataque con artefactos explosivos, que esnaquizou o comedor, onde se produciu un incendio, mentres que o resto do edificio quedou afectado polo fume.

O Goberno galego, que traslada a súa condena o ataque, acusa as políticas do Executivo de Sánchez de "pór en risco" o sistema de protección galego e de ser as responsábeis de "acabar provocando" este tipo de situacións violentas.