O Goberno español critica o modelo de acollemento de migrantes da Xunta, que comete os "mesmos erros" que a Comunidade de Madrid

O secretario de Estado Rubén Pérez. (Foto: Nós Diario)
Se a Xunta utilizase o de Monforte como "centro de primeira acollida" para realizar derivacións a outros especializados en función da casuística, "non sería tan grave" como "expor de maneira velada dous sistemas de protección á infancia", nos que un deles sexa único para menores de orixe estranxeira, sinala Rubén Pérez.

O secretario de Estado de Mocidade e Infancia, Rubén Pérez, criticou a Xunta da Galiza por crear un centro único de menores migrantes en Monforte (Terra de lemos) para acoller aqueles destinados á Galiza tras o seu traslado desde Canarias, Ceuta e Melilla.

Neste sentido, Pérez apunta que Galiza "está moi por baixo dos niveis migratorios do resto do Estado español". Así se pronunciou nunha entrevista gravada horas antes do ataque a este mesmo emprazamento ao que o representante do Goberno español se refería.

Preguntado pola súa opinión respecto da creación deste centro, Pérez considera que, aínda que "non é a mellor maneira", si é "bastante habitual" nos sistemas de protección. Desta forma, apunta que o seu xuízo dependerá da función que finalmente lle outorgue o Goberno galego ao centro.

Se a Xunta o utilizase como "centro de primeira acollida" para, despois, realizar derivacións a outros centros especializados en función da casuística, "non sería tan grave" como "expor de maneira velada dous sistemas de protección á infancia", nos que un deles sexa único para menores de orixe estranxeira.

Así, insta á Xunta non só a buscar "espazos físicos" de acollida, senón a dotar dun "itinerario á vida adulta" e dun "acompañamento". A continuación, cuestionado por se ve intención de crear un gueto, sinalou que "o que non é de recibo é expor crear esta dotación cando eu sigo sostendo que Galiza está moi por baixo dos niveis migratorios do conxunto do Estado español".

No suposto de "crear guetos desde o inicio", Pérez opina que a Xunta cometería os "mesmos erros" que a Comunidade de Madrid co centro de Hortaleza, por iso pide "pensar nos intereses da Galiza". "E non o que demanda a rúa Xénova [sede do PP] porque necesita o voto de Vox", engadiu.

Ademais, respecto á Galiza, sinalou que pensa que o "discurso de odio antiimigración non existe" e por iso "non hai extrema dereita". "Fundamentalmente fomos unha nación migrante e a emigración explica gran parte das cuestións socioeconómicas", concluíu o secretario de Estado.

"Maquinaria de exterminio de Israel"

Por outra parte, preguntado por se a reacción do Goberno español respecto ao xenocidio en Gaza foi tardía, Pérez lembrou que o "incumprimento sistemático" de Israel de resolucións das Nacións Unidas xa se produce desde os anos 40. "Agora é tan absolutamente clara a maquinaria de exterminio do Estado de Israel que a sociedade española está a reaccionar", dixo.

En relación a quen critica que desde o Executivo estatal "non se fixo moito", Pérez defendeu que está "na posición na que ten que estar un Goberno progresista". Así mesmo, aínda que apoia romper as relacións diplomáticas con Israel, destacou que se trata dun xesto "máis simbólico" que as nove medidas anunciadas ao respecto polo presidente do Executivo estatal, Pedro Sánchez.