A Xunta reduce a "erro" o episodio machista no 'Land Rober'

A conselleira de Igualdade di que o episodio machista acontecido no programa da TVG Land Rober estivo "totalmente desacertado" ao non saberse "recoñecer un caso de control", cuestión que reduciu a un "erro". O BNG responde que non foi un "erro”, xa que o programa non era en directo, "foi gravado e editado".
Roberto Vilar, presentador do Land Rober.
photo_camera Roberto Vilar, presentador do Land Rober. (Foto: Nós Diario)

Para a conselleira de Emprego e Igualdade da Xunta, María Jesús Lorenzana, o episodio machista acontecido no programa da TVG 'Land Rober' estivo "totalmente desacertado" ao non saberse "recoñecer un caso de control", cuestión que reduciu a un "evidente erro". No programa, o presentador insistiu a unha moza que acudiu como público para que aceptase reencontrase coa súa ex parella. Ante a insistencia, acabou recoñecendo en público que cortara a relación por episodios de acoso e control.

Lorenzana puxo en valor as desculpas dadas polo presentador do programa e a produtora mais eludiu responsabilidades asegurando que corresponde ao director xeral da CRTVG ofrecer explicacións, e emprazou a ouvilas na comisión de control ao ente público que decorrerá esta sexta feira.

Tras a resposta da conselleira, insistindo “no desacertado” do programa, a deputada do BNG Olalla Rodil negou que fose un "erro”, xa que o programa, engadiu, non era en directo, "foi gravado e editado para evitar a emisión das imaxes de como o señor entraba en plató despois de acantoar unha muller que non dera o seu consentimento".

Para a deputada do BNG “non chega con pedir perdón, xa que o acontecido non pode pasar como unha anécdota máis porque é un síntoma da deriva en que está instalada a CRTVG.

Cómpre unha reflexión profunda como pediron desde o Colexio de Xornalistas  de Galiza, o Comité Intercentros e a plataforma Defende a Galega", sinalou.

"O que aconteceu no programa Landa Rober,  é gravísimo. Seríao en calquera  medio de comunicación pero aínda máis nunha televisión pública que pagamos todas as galegas e galegos”, dixo Rodil dirixíndose á conselleira de Igualdade, esta cuarta feira, 28 de abril, no Parlamento galego.

Este país, explicou a nacionalista, "non inviste máis de 100 millóns de euros ao ano para financiar 'telelixo' porque invadir a intimidade dunha persoa para crear contido é 'telelixo', e falar do 'dereito dun home a recuperar a súa namorada' é machismo, e arrinconar unha muller para que acepte ver a quen non quere, é machismo", sentenciou Rodil, asegurando que o programa Land Rober e a TVG incumpriron  as recomendacións do Consello de Administración da CRTVG, as leis de igualdade e os códigos deontolóxicos da profesión, remarcou.

Comentarios