A Xunta recorta o papel dos concellos nas tramitacións ambientais
O Goberno galego aprobou esta segunda feira , na súa reunión semanal, iniciar a fase final de tramitación, mediante consulta pública, da Lei de Administración Ambiental Simplificada da Galiza, unha norma que o presidente galego, Alfonso Rueda, prevé que en catro meses sexa un proxecto de lei a debate no Parlamento. "Hai unha dispersión de normas en medio ambiente que cómpre unificar", explicou o titular da Xunta, "para axilizar o proceso" de concesión de autorizacións ambientais a proxectos industriais e empresariais. Coa nova norma, os concellos perden presenza e peso á hora de ter voz nas autorizacións ambientais.
Así, por exemplo, a norma suprime a exixencia de que os promotores de instalacións ou actividades sometidas a autorización ambiental integrada ordinaria (AAIO) —que renomeará e substituirá a autorización ambiental integrada actual— teñan que comunicalo previamente ao concello en que se desenvolverá a actividade. Ademais, créase un instrumento novo, a autorización ambiental integrada simplificada (AAIS), coa finalidade de trasladar e replicar o modelo recollido na AAIO —que afecta grandes industrias— á tramitación ambiental de instalacións industriais consideradas de menor impacto. Aquí, tampouco será necesario que o promotor llo comunique ao concello.
Cribado de cancro
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou esta segunda feira que o Sergas estende o proxecto piloto de cribado de cancro de pulmón a todas as áreas sanitarias da Galiza e citará ao redor de 49.000 persoas a través dun SMS que se comeza a enviar entre esta segunda e esta terza feira.
Este programa diríxese a persoas de entre 55 e 74 anos que fumen actualmente ou que o deixasen nos últimos 10 anos.
O galego na UE
Nós Diario preguntou ao presidente a opinión do Executivo galego sobre que os gobernos español e alemán chegaran a un acordo para avanzar na oficialidade do galego na Unión Europea, Rueda limitouse a sinalar que ao presidente español, Pedro Sánchez, "pouco lle importa a oficialidade" e que o único que fai é buscar o apoio de Junts por Catalunya ao Goberno español. Preguntado sobre se o Goberno galego ía facer agora algunha xestión na UE a favor do galego, tal e como si fixeran no seu día os Executivos vasco e catalán, Rueda manifestou unicamente que "a nosa postura non cambiou". A posición da Xunta da Galiza fora negarse a participar mna petición de que o galego fose oficial na UE.
Incendios
O conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, compareceu canda o presidente da Xunta para informar dunha nova liña de axudas polos incendios do pasado mes de agosto. O Executivo asinará convenios con 46 concellos por un importe total de 5 millóns para paliar os danos en bens municipais.

