A Xunta recorre ante o TC o decreto que regula a repartición de menores migrantes
A principios de mes o Goberno galego solicitou un informe ao Consello Consultivo sobre o decreto-lei que regulaba a repartición de menores migrantes non acompañados. Alfonso Rueda anunciou onte que o citado órgano proporcionou un ditame "detallado" que achega argumentos xurídicos "sólidos" para impulsar desde a Galiza un recurso ante o Tribunal Constitucional. O argumento "principal" para o recurso, segundo Rueda, é que "invade competencias" das autonomías en materia de asistencia social e de protección de menores.
Tamén se considera que o decreto estatal "non ten en conta" as comunidades a pesar de que van ser as que "executen o imposto" polo Goberno estatal; e que "non é a figura legal adecuada", xa que os decretos-lei están "pensados para casos urxentes". Ademais de anunciar o recurso, Rueda volveu "chamar a atención" en relación a que, se hai algunha distribución de menores non acompañados, a Galiza e o resto de comunidades necesitan dunha "planificación" previa e de financiamento.
PP e Vox foron as únicas formacións que o pasado marzo se posicionaron no pleno do Congreso dos Deputados contra o real decreto-lei polo que se aprobaban as "medidas urxentes para a garantía do interese superior da infancia e da adolescencia ante situacións de continxencias migratorias extraordinarias", e que tivo o voto favorábel de PSOE, Sumar, ERC, EH Bildu, Junts, PNV, Podemos, BNG e Coalición Canaria. A norma estabelecía unha serie de "parámetros obxectivos" para determinar a que comunidades autónomas serán trasladados estes menores no caso de triplicar o territorio onde se atopan a capacidade para acollelos.
O Ministerio de Mocidade elaborou un estudo —con base en parámetros como o pobacional— no que se sinalaba que a Galiza deberá crear 327 prazas máis para acoller menores migrantes non acompañados. Na actualidade, a Galiza conta con ao redor de 800 prazas, repartidas en 80 centros.
Rueda defende as citas sen data na sanidade
A preguntas de Nós Diario sobre a queixa colectiva presentada por nove asociacións de pacientes na Valedora do Pobo contra o 'buzón' do Sergas — modelo de asignación de cita sen data fixada á espera de que se avise ao paciente—, Rueda respondeu esta segunda que "se Sanidade o mantén [este sistema] é porque funciona". As nove asociacións que presentaron a queixa manteñen que o 'buzón' supón unha "vulneración dos dereitos dos pacientes", que afecta miles de persoas e que "non se axusta á lexislación" ao non asignar data para unha consulta, unha revisión ou unha intervención.
Tamén en materia sanitaria, o Goberno galego aprobou destinar 15 millóns de euros para iniciar o tratamento a pacientes de hemofilia tipo D —diagnosticada como enfermidade rada— e que na Galiza padecen 51 persoas. "Somos a primeira comunidade que fai isto", dixo Rueda. Principiará con oito diagnosticados.
Aranceis e débeda
A Xunta habilitou, aliás, unha nova liña de préstamos, que irán desde 100.000 euros até un millón, para empresas afectadas polos aranceis de 50% a produtos da Unión Eurpea anunciados polo presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, para a súa entrada en vigor o 9 de xullo.
E Rueda informou da colocación, "nunha soa mañá", de bonos por valor de 500 millóns de euros, cun interese de 2,8%, para financiar parte da súa débeda.
Outros acordos
Aliás, o Executivo acordou renovar o plan 'sentinela' do Exército español para que patrullas militares vixíen os montes galegos durante a tempada alta de incendios, así como colaborar co CSIC no estudo da mortaldade de bivalvos en San Simón.

