A Xunta recoñece que é "moi difícil" a implantación de Altri sen a conexión eléctrica
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asegurou esta segunda feira que a Xunta da Galiza continúa co expediente do proxecto que Altri pretende instalar na localidade de Palas de Rei (A Ulloa), mais recoñeceu que é "moi difícil" asentar unha iniciativa como esta "nun territorio no que non hai conexión eléctrica".
A preguntas dos medios sobre o estado da Autorización Ambiental Integrada (AAI) deste proxecto, Calvo, que presidiu esta segunda feira o Consello da Xunta, afirmou que a día de hoxe este "proxecto estratéxico industrial" segue o seu expediente.
Con todo, puntou que "non ten sentido o que fixo o Goberno [do Estado español]" de excluílo da planificación da rede eléctrica. E isto, dixo, "non lle corresponde á Xunta", polo que sinalou que será a multinacional lusa quen "terá que ver que fai" nun contexto "moi difícil".
"Xa expresamos a sorpresa ante a decisión do Goberno [do Estado español] de illar a provincia de Lugo, xa non do proxecto de Altri, senón de calquera proxecto industrial que necesitase unha determinada subministración eléctrica en Lugo. Nese sentido, supoño que os promotores terán algo que dicir", resolveu o conselleiro.
Altri foi excluída por "non alcanzar a puntuación mínima"
A este respecto se pronunciou a pasada sexta feira o ministro de Economía, Carlos Cuerpo, explicou que a decisión de deixar fóra o proxecto de Altri da planificación eléctrica responde a "criterios técnicos claros" e que a planta non conseguiu a puntuación mínima requirida.
Nunha entrevista en Radio Galicia, Cuerpo destacou esta sexta feira que todo proxecto industrial debe cumprir condicións ambientais exixentes, que son "un requisito necesario" para poder avanzar. Polo tanto, negou que a denegación sexa extensíbel a potenciais proxectos no mesmo territorio que si cumpran ditas condicións.
Pola súa parte, a empresa Greenfiber (composta por Altri e Greenalia) fixo público un comunicado o pasado 25 de setembro no que reaccionaba ás informacións sobre a posíbel exclusión do proxecto Gama da planificación eléctrica estatal para o período 2025-2030, anunciando que analizará con detalle os argumentos técnico-económicos e estudará a presentación de alegacións dentro do procedemento administrativo.