A Xunta non atende a demanda para declarar Monte do Gato parque natural

Deputados do PSdeG con valedoras da iniciativa, na Cámara. (Foto: Nós Diario)
A iniciativa estaba avalada por 40.000 sinaturas.

A viceportavoz do PSdeG no Parlamento galego, Begoña Rodríguez Rumbo, reclamou esta cuarta feira á Xunta da Galiza que iniciase o procedemento para a declaración do Monte do Gato como Parque Natural, un espazo de 5.000 hectáreas entre os concellos de Aranga, Coirós e Oza–Cesuras, na comarca das Mariñas.

Rumbo sinalou que este espazo, na Reserva da Biosfera As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, suma varios requisitos ambientais, históricos e etnográficos.

Ademais, afirmou, a iniciativa vén avalada por 40.000 sinaturas, das que máis de 4.000 correspóndense con veciños e veciñas dos concellos afectados. Porén, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, esquivou onte apoiar esa proposta e  afirmou que un parque natural "non se pode declarar ao chou".

Castro Valente

Na mesma sesión, Luís Bará (BNG) denunciou a "inacción" da Xunta na protección patrimonial do xacemento arqueolóxico do Castro Valente en Padrón e A Estrada, con 1.500 anos de antigüidade e "ameazado" por un proxecto de parque eólico.