A Xunta mudará os contratos do bus escolar tras as últimas condenas do TSXG
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, avanzou esta cuarta feira no Parlamento galego que no vindeiro concurso do transporte escolar a Xunta da Galiza fará “lotes máis pequenos” para favorecer a participación das pequenas empresas de transporte nestes procedementos públicos, co fin de ter “máis competitividade”.
O anuncio de Rodríguez chega logo de tres sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) contra o Goberno galego por “superar con fartura os límites de adxudicación permitidos polo artigo 8.2 do prego de cláusulas administrativas particulares". As sentenzas do alto tribunal galego respondían a recursos contencioso-administrativos presentados por máis dunha ducia de pequenas empresas de transporte do país denunciando "adxudicacións xeneralizadas" da Xunta a UTEs (unións temporais de empresas) participadas en entre 60% e até 97% polo grupo Monbus.
En resposta a unha interpelación do deputado do PSdeG Julio Abalde, o conselleiro sinalou que o transporte escolar galego conta con 3.700 rutas, 33.000paradas e máis de 80.000 usuarios e usuarias diarias en todo o país. Un servizo para o que a Xunta dispón dun orzamento anual de 120 millóns de euros.
Nos últimos anos foron múltiples as denuncias tanto de persoas usuarias como de pequenas empresas de transporte e dos grupos da oposición no Parlamento pola adxudicación dos lotes nos que se dividen estas rutas, de forma recorrente, ás ofertas dominadas maioritariamente polo grupo Monbus. Tras as resolucións do TSXG a Xunta viuse obrigada a anular a adxudicación de varios destes contratos.
Abalde advertiu de que, mentres a Xunta “presume dun modelo flexíbel”, a nova planta de transporte provocou “a desaparición da competencia, eliminando as pequenas empresas de transporte escolar”, que se concentraron por adquisición ou por inclusión da UTE “cunha única empresa que se fixo hexemónica”.

