O Parlamento aproba investigar o traslado das balsas ilegais de Sobrado dos Monxes

O Pleno do Parlamento aprobou investigar a aparición de balsas de lodos clandestinos no municipio de Sobrado dos Monxes. A proposta, iniciativa do deputado polo BNG Mini Rivas, prosperou cos votos a favor de todos os grupos políticos e a abstención do PSdG.  Insta a Xunta a comprometerse a indagar as empresas responsábeis dos vertidos, comprobando se o contido das balsas, teoricamente fertilizantes, cumpre coa normativa vixente.
O deputado do BNG Mini Rivas durante unha intervención no Parlamento.
photo_camera O deputado do BNG Mini Rivas durante a súa intervención no Parlamento.

O pasado verán a veciñanza de Sobrado dos Monxes, na comarca da Terra de Melide, alertou da presenza de balsas de lodos espalladas polos montes do concello. Os depósitos situábanse nas proximidades dos ríos Mandeo, parte da Reserva da Biosfera Mariña Coruñesa e Terras do Mandeo, e Tambre. A Cámara do Pleno acordou esta semana investigar as empresas responsábeis dos depósitos, unha iniciativa do voceiro de Agricultura do BNG Xosé L Rivas, Mini.

A proposición non de lei inclúe a realización de probas analíticas aos solos nos que se situaban os lodos, o que permitirá comprobar se absorberon metais pesados e outras posíbeis substancias nocivas para o medio. As inspeccións tamén porán o foco nas empresas responsábeis dos lodos, a orixe dos mesmos e o tratamento que recibiron antes de ser depositados nas balsas.

Os lodos sinalados por Rivas son, teoricamente, fertilizantes rexistrados pola empresa Agroamb Prodalt, unha compañía de xestión de residuos con sede en Lugo. “Ás balsas clandestinas chegaban lodos das EDAR. Cando estes feitos saltaron á opinión pública foron trasladadas nunha noite, o que tira por terra a teoría de que o seu contido eran fertilizantes aptos para actividade agrícola”, afirmou durante a súa comparecencia. O deputado denunciou “a inutilidade” das Consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural no seu seguimento do caso.

Veciñanza en pé pola ampliación do vertedoiro das Pías

A veciñanza de Sobrado dos Monxes tamén vén seguindo con preocupación o proceso de ampliación do Centro de Tratamento de Residuos Industriais das Pías. A empresa que o xestiona, Gestán Medioambiental S.L. recibiu a autorización para ampliar a súa capacidade de depósito, cun novo vaso de 530.000 metros cúbicos.

As Pías recibirá os da planta coruñesa de Nostián, que antes recibía o vertedoiro compostelán de Grixoa. A Xunta suspendeu este acordo pois Grixoa, xestionada por unha UTE da que participa Gestán Medioambiental S.L., carecía dos permisos para xestionar os rexeites. A Plataforma Veciñal de Sobrado ten chamado a atención sobre a actividade da planta, amosando o seu rexeitamento a ampliación. Os grupos parlamentares do BNG e do PSdG trataron de levar a pleno o fin do traslado de residuos dende Nostián durante unha Comisión, mais os votos en contra do PP impedírono.

Comentarios