POLÍTICA

A Xunta paga aos seus provedores máis tarde que a media do Estado

A Xunta paga aos seus provedores máis tarde que a media do Estado

No que atinxe ás entidades locais, Compostela é a cidade galega que máis demora os pagos, até dous meses.
Sede do Goberno galego en Pontevedra. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Sede do Goberno galego en Pontevedra. (Foto: Xunta da Galiza)

O período medio de pago a provedores (PMP) da Xunta da Galiza ficou ao remate do pasado febreiro en 23,63 días, por riba da media estatal, de 22,86 días, segundo os datos que publica esta sexta feira o Ministerio de Facenda.

A cifra galega supón un incremento respecto a os 23,02 días de media que se pagaba no mes de xaneiro. Porén, a media do Estado español vai á baixa.

A pesar de que a Xunta era hai uns meses unha das administracións que máis axiña pagaba os seus provedores, agora cae até o décimo posto nesta estatística.

O período medio de pago global dos gobernos territoriais reduciuse no mes de febreiro en 2,47 días, até chegar aos 22,86 días, co que encadea xa 15 meses consecutivos con prazos de pago por baixo dos 30 días, que é o prazo máximo estabelecido pola normativa.

Con todo, Aragón (36,51 días), Asturias (33,02 días) e Catalunya (32,39 días) superan ese limiar dos 30 días. Tras eles, aínda que por baixo xa dese prazo, sitúanse Navarra (25,88 días), A Rioxa (25,74 días), Euskadi (25,12 días), Castela e León (24,19 días), Galiza (23,63 días), Madrid (19,65 días), Andalucía (18,10 días), Castela-A Mancha (15,58 días), Canarias (15,02 días), País Valencià (14,29 días) e Estremadura (10,42 días). No extremo oposto está Murcia (4,78 días).

Pola súa parte, o PMP da Administración estatal descendeu en febreiro e fica en 24,97 días, o que supón unha diminución de 5,42 días a respecto de xaneiro.

Entidades locais

As entidades locais teñen un prazo de pagamento a provedores de 78,2 días en febreiro de 2022. Na Galiza, Compostela é a cidade coa maior demora (61,25 días), seguida de Ourense (56,02), Pontevedra (31,6), A Coruña (21,92), Lugo (16,29) e Vigo (9,93). Facenda non ofrece os datos de Ferrol, cuxo último PMP foi de 20,92 días.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios