A Xunta acubíllase nun "mérito deportivo" para xustificar a presenza do Israel-Premier Tech na Volta ciclista

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, evitou condenar o xenocidio en Gaza e limitouse a defender que o Israel-Premier Tech competiu na Galiza por ranking, remitíndose ás palabras do rei e ao minuto de silencio no Parlamento galego.
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, este 1 de outubro no Parlamento galego. (Foto: Xunta da Galiza)
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, este 1 de outubro no Parlamento galego. (Foto: Xunta da Galiza)

A participación do equipo Israel-Premier Tech no paso da Volta ciclista pola Galiza chegou esta cuarta feira ao Parlamento galego. O deputado do BNG Iago Suárez pediu á Xunta da Galiza unha posición clara ante as protestas cidadás que denunciaban a utilización do deporte como ferramenta de lavado de imaxe por parte de Israel.

Mais a resposta do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, foi eludir o fondo político da cuestión. "A Volta é un evento deportivo que sempre que estea na Galiza é unha boa noticia", dixo, para xustificar que o Israel-Premier Tech competira "por méritos deportivos, de ranking, conforme á normativa da Unión Ciclista Internacional".

Preguntado polo papel do Goberno galego fronte á masacre de Gaza, Lete remitíase ao discurso de Filipe de Borbón na Asemblea da ONU e ao minuto de silencio que acolleu o Parlamento galego, evitando empregar a palabra "xenocidio" e falando de "masacre". "Avogamos por unha solución negociada, pola apertura de corredores humanitarios e por dous estados con fronteiras seguras", engadiu.

Suárez advertiu de que "quen garda silencio é cómplice" e instou a Xunta a non mirar para outro lado: "O deporte non pode servir para limpar a imaxe dun Estado que comete crimes contra a humanidade". Lembrou tamén que a comunidade internacional xa vetou a participación de deportistas rusos e bielorrusos en diferentes competicións, preguntando "onde quedan agora os méritos deportivos".

Lete replicou que acudira á comisión "a falar de deporte" e reprochou ao deputado do BNG que falase "do que quixo". "A Xunta prefire facer política deportiva que política con deporte", afirmou, apelando aos valores do deporte pero negándose a referirse o xenocidio do pobo palestino.

Sobre as protestas contra a presenza do Israel-Premier Tech, recoñeceu o dereito á manifestación mais advertiu que debía ser pacífica. "Non vale calquera cousa", asegurou, secundando as declaracións dun ciclista que acusara de "violentos" algúns manifestantes.

O BNG insistiu en que "o dedo sinalador da historia non perdoa" e acusou a Xunta de avalar con silencio cómplice o xenocidio en Gaza. Mentres, o Goberno galego fechou filas arredor da idea de que o Israel-Premier Tech competiu unicamente "por méritos deportivos" e non como un instrumento de branqueamento do réxime israelí.

Comentarios