28-M

A Xunta electoral determina que Xácome cometeu varias irregularidades

A XEZ sinala vulneracións electorais nunha inauguración e en 'Auria TV', a súa canle.
Gonzalo Pérez Xácome, durante un pleno municipal. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera Gonzalo Pérez Xácome, durante un pleno municipal. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

A Xunta Electoral de Zona de Ourense emitiu esta cuarta feira unha resolución na que determina que o alcalde de Ourense e candidato á reelección por Democracia Ourensá, Gonzalo Pérez Xácome, cometeu infraccións electorais tanto na estrea das ramplas mecánicas da rúa da Concordia, a pasada sexta feira, como coa emisión de publicidade prohibida en Auria TV, a súa canle de televisión.

A respecto das ramplas, na resolución con data desta cuarta feira, a Xunta Electoral alega que se trata dunha estrea polo alcalde, "que non acode só ou entre un tumulto para probalas, senón que se acompaña de membros do seu partido o día que as obras terminaron e ponse en funcionamento, polo que é un acto de inauguración".

A Xunta Electoral pronúnciase após a presentación de denuncias por parte do BNG e do PSdeG. Recolle tamén que se opta por "refugar" as explicacións de Xácome ao considerar que son "pouco consistentes".

Así, ratifícase que houbo infracción electoral e ordénase a apertura do correspondente expediente sancionador onde "depurar as correspondentes responsabilidades". A resolución tamén dá a razón ao PSOE nunha denuncia presentada sobre a emisión de publicidade electoral prohibida en Auria TV, da que é propietario o rexedor ourensán. "En Auria TV publicítanse os logros conseguidos por Xácome, candidato de Democracia Ourensá, o que supón unha publicidade electoral prohibida en medios privados", argumenta.

Desestima, con todo, outra denuncia presentada polo PP en relación a un vídeo difundido en Auria TV no que se parodia unha escena de A vida de Brian para promocionar os supostos logros do Goberno de Xácome.

Prohibida unha festa o sábado en Lugo

Por outra parte, a Xunta electoral requiriu ao Concello de Lugo que non leve a cabo as actividades festivas programadas para este sábado, xornada de reflexión, no barrio da Milagrosa, unha decisión que o Consistorio decidiu recorrer. Nun comunicado, o Goberno que lidera a socialista Lara Méndez lembra que se trata de "accións de continuidade de dinamización económica" que se realizan durante todo o ano dentro do programa 'Localmente Lucense'.

A festa foi levada á xunta electoral por parte de Luís Latorre, a quen o Consistorio afea que denunciase incluso a cor usada, o vermello, xa que é o "aprobado" na corporación local como imaxe da entidade local.

Comentarios