A Xunta deixou sen aplicar máis do 70% das medidas aprobadas polo Parlamento para a prevención de lumes
O deputado do BNG Luís Bará sinalou que "o sistema de extinción entrou en colapso malia que o PP presumía de ter o mellor dispositivo de Europa".
O deputado do BNG no Parlamento galego Luís Bará denunciou esta cuarta feira os incumprimentos reiterados do goberno da Xunta da Galiza en materia de prevención e loita contra os incendios forestais. O deputado lembrou que o ditame da Comisión de Estudo do Parlamento de 2018 recollía 123 medidas, das que "máis do 70% quedaron sen executar", o que "multiplicou a gravidade" da catástrofe ambiental, social e económica que sofre Galiza, con máis de 96.000 hectáreas arrasadas en poucas semanas.
Bará sinalou que "o sistema de extinción entrou en colapso malia que o PP presumía de ter o mellor dispositivo de Europa". Entre os incumprimentos destacou a ausencia dos plans de ordenación forestal dos 19 distritos previstos para antes de 2024, a non aprobación da nova lei integral de prevención e extinción, a falta do rexistro de persoas infractoras ou a non creación dun ente instrumental que coordinase todas as administracións con competencias na materia.
Ademais, o deputado nacionalista lembrou que tampouco se puxeron en marcha medidas urxentes propostas por persoas expertas, como as unidades de elite provinciais, o reforzo do dispositivo no sur e leste do país ou a creación de 70 brigadas de vixilancia móbil para actuar con rapidez ante novos focos. "Todas estas medidas, se se aplicasen, reducirían a magnitude dos lumes. Pola contra, Rueda ten a desvergoña de anunciar agora un 'acelerón' na prevención cando leva anos incumprindo o aprobado polo Parlamento", afirmou.
Por todo isto, Bará anunciou que o BNG exixirá responsabilidades políticas no máximo nivel: "Queremos a convocatoria inmediata da Deputación Permanente para que Rueda compareza de urxencia no Parlamento e, ademais, promoveremos a apertura dunha comisión de investigación. Non se pode seguir agochando a verdade detrás da propaganda mentres o país arde", concluíu

