A Xunta defenderá a Lei de saúde no Constitucional

Despois do Consello de Goberno da Xunta desta sexta feira, Feixoo anunciou que a Xunta tratará de que o Tribunal Constitucional non continúe coa suspensión de parte dos artigos da modificación á lei de saúde da Galiza, ademais de amosarse confiado de que por medio da negociación poderán fechar un acordo.
Alberto Núñez Feixoo onte na rolda de prensa posterior o Consello de Goberno. (Foto: Xunta de Galiza)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo na rolda de prensa posterior o Consello de Goberno. (Foto: Xunta da Galiza)

A Xunta da Galiza impugnará o recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno do Estado no Tribunal Constitucional contra a modificación da Lei galega de saúde que entrou en vigor o 25 de febreiro deste ano, anunciou onte Alberto Núñez Feixoo, presidente da Galiza, despois do Consello de Goberno.

Démoslle “luz verde á asesoría xurídica xeral para que defenda no Constitucional” a lei orgánica, apuntou Feixoo, malia que agardou “que non sexa preciso”, pois confía en chegar a un acordo, despois de desenvolverse onte mesmo unha nova xuntanza co Estado, de carácter técnico, como as que se veñen dando desde o 19 de abril.

Tamén solicitou ao Estado que retire o recurso ao Constitucional, e responsabilizou o Goberno español da suspensión, defendendo que o tribunal non tiña outra opción que anular algúns apartados da lei se finalmente chegaba o recurso.

Ademais, vencellou a aplicación integral do novo texto da Lei de saúde coa aprobación polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza das medidas necesarias para controlar a pandemia de Covid-19.

Feixoo defendeu que a norma “non obriga a vacinar cunha ou outra vacina”, e salientou que o proceso de vacinación na Galiza é igual que no resto do Estado, e que incluso nos casos nos que están en contra das decisións do Consello Interterritorial de Saúde -como  non inocular a segunda dose de AstraZeneca- cumpriron os compromisos.

A lei aprobada en solitario polo PP no Parlamento da Galiza modifica a lei do 2008, e introduce mudanzas en artigos como o 38, cuxo apartado cinco foi suspendido por recoller o “sometemento a medidas profilácticas de prevención da enfermidade, incluída a vacinación ou inmunización”.

Por outra banda, o Goberno galego tamén aprobou un aumento da retribución entre o 5% e o 6% para o persoal sanitario que cumpre os requisitos de carreira administrativa, así como un novo nivel profesional.

Pacto por Ferrol

Outros dos aspectos que se trataron na rolda de prensa foi o Pacto de Estado por Ferrol, unha iniciativa para “impulsar o polo enerxético” da comarca de Ferrolterra, cunha serie de propostas que se enviarán a partir da segunda feira ao Goberno do Estado, dos concellos e a Deputación da Coruña para fechar o acordo.

O plan, no que segundo Feixoo se implicaron todos os departamentos da Xunta, foi debatido a finais da semana pasada coa vicepresidenta segunda do Estado, Nadia Calviño, e ademais do reforzamento dos servizos públicos céntrase en proxectos como o pulo ao desenvolvemento da produción eólica mariña, de hidróxeno verde, á produción de biocombustíbel nas Pontes ou de gas licuado en Mugardos.

Queixas polas vacinas

Aínda que nun primeiro momento, Feixoo anunciara que as persoas entre 66 e 69 anos ían ser vacinadas con Pfizer, usuarias e enfermeiras da área sanitaria de Pontevedra informaban estes días do uso de AstraZeneca nesta franxa, polo que Feixoo pediu desculpas.

Con posterioridade, a Xunta indicou que nese rango de idade, por decisión do Consello Interterritorial, empregan Pfizer, AstraZeneca e Moderna.

Comentarios