A Xunta defende a calidade do grao de Dereito da universidade de Abanca fronte ás criticas dos centros públicos

 

O rexeitamento das facultades de Dereito das tres universidades públicas á decisión da Xunta de autorizar á universidade privada ligada a Abanca impartir o Grao de Dereito no vindeiro curso centrou onte parte do debate do Parlamento galego. A entidade educativa dirixida por Miguel Ángel Escotet incumpre os criterios que aprobará o Executivo do Estado en maio para a posta en marcha de novas universidades privadas.

488768951_1097335255743582_6553584290236344442_n (1)
Acto de entrega de títulos de posgrao a estudantes da UIE en xaneiro en Compostela. (Foto:UIE)

O secretario xeral técnico da Consellaría de Educación, Manuel Vila, defendeu onte en comisión parlamentaria o informe favorábel do Goberno galego á petición da Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), ligada á entidade bancaria dirixida por Juan Carlos Escotet, Abanca, para pór en marcha unha titulación privada de Dereito, que se sumará ás catro xa existentes no sistema público. Neste punto, negou trato de favor á institución educativa dependente de Abanca.

Vila garantiu a calidade da docencia ofrecida pola UIE. Neste sentido, afirmou que “os criterios de calidade dos cadros de profesorado dunha universidade privada son os mesmos que os dunha universidade pública”, formulación que foi cuestionada no seu momento polas direccións das facultades de Dereito da Galiza, que dubidaron que ese centro tivese "a calidade necesaria no ámbito das ciencias xurídicas”. Na mesma liña, sinalaron que "carece" dun profesorado e experiencia investigadora [...] "minimamente aceptábel" para impartir estes estudos na Galiza.

Trato de favor

A resposta de Vila non convenceu ao deputada socialista Julio Abalde, quen denunciou que “está claro que para a autorización das titulacións desta universidade privada non se seguen os mesmos criterios de complementariedade, titulacións non existentes e non duplicación que se exixen ás propostas de titulacións das universidades públicas”. Nesta dirección, criticou que “non se están utilizando os mesmos criterios de xestión e de calidade dentro do Sistema Universitario Galego”. 

Abalde criticou o “diferente trato dado ao sistema universitario público e privado  por parte da Consellaría de Educación, o que dificulta o funcionamento e a sustentabilidade do noso sistema público favorecendo a universidade privada”.

O debate sobre o Grao de Dereito da UIE volveu ao Parlamento tras anunciar o Goberno do Estado a súa intención de proceder a reformar os criterios para autorizar as universidades privadas, avanzando a presentación dunha nova normativa para o mes de maio. A mesma, obrigará a que estes centros teñan un mínimo de 4.500 estudantes nos primeiros cinco anos e conten con 10% de prazas de aloxamento para o seu alumnado, requirimentos que incumpre a universidade privada promovida por Abanca.

As universidades públicas

As catro facultades de Dereito da Galiza cuestionan a legalidade do acordo do Goberno galego de autorizar impartir esa titulación á Universidade Intercontinental da Empresa. Nesa dirección, no pasado mes de decembro denunciaron que "resulta contraria ao sinalado polo artigo 8 da Lei 6/2013, do Sistema Universitario da Galiza, cando chama a evitar reiteracións de titulacións" e contravén o seu artigo 13, que condiciona a creación de novas universidades a que o seu catálogo de titulacións sexa "complementario e non reiterativo".

Comentarios