A Xunta contratou con Feixoo como presidente 13 informes á consultora fundada por Montoro, un centrado nas caixas

Alberto Núñez Feixoo e Cristóbal Montoro durante unha reunión en 2017. (Foto: Europa Press)
A historia da fusión das caixas de aforro galegas, Caixa Galicia e Caixanova, propiciada por Alberto Núñez Feixoo como presidente da Xunta da Galiza en 2010 para convertelas en NovaGaliciaBanco, así como a venda a Banesco por 1.003 millóns de euros en 2013 até chegar á actual Abanca, fican de novo na polémica pola potencial influencia que puideran ter os informes externos a respecto desta cuestión contratados polo Goberno galego a Equipo Económico, o despacho fundado polo ex ministro popular Cristóbal Montoro investigado pola Xustiza.

A Xunta da Galiza encargou, entre 2009 e 2011 con Alberto Núñez Feixoo como presidente, 13 informes sobre distintas cuestións a Equipo Económico, o despacho fundado polo ex ministro de Facenda do PP, Cristóbal Montoro, agora imputado xunto con outros 28 altos cargos e asesores do seu gabinete por suposto tráfico de influencias. Esta foi a información que o Goberno galego trasladou ao grupo parlamentario do BNG na Cámara logo de ser requirida pola formación nacionalista.

Neste contexto, esta quinta feira, na Comisión de Economía, a responsábel de Facenda do BNG, Noa Presas, e o secretario xeral técnico da Consellaría, David Cabañó, debateron sobre os 13 informes que a Xunta recoñece ter encargado a Equipo Económico entre 2009 e 2011 por importe de 172.838 euros, un deles en 2009, sobre "a situación económica e financeira das caixas galegas", o máis caro  cun custo de 20.880 euros.

Presas preguntou a Cabañó sobre o contido dese informe e a "relación coa trama Montoro", actualmente xudicializada. A deputada nacionalista cuestionou se a "bancarización" das caixas galegas despois da fusión das mesmas en 2010 propiciada por Feixoo tivo algo que ver co contido de dito informe. "Iremos ver á Consellaría e queremos copia", advertiu Presas.

A resposta de Cabañó foi defender a "legalidade" do procedemento administrativo polo que se contratou e pagou dito informe e asegurou que o Goberno de Feixoo quería saber daquela "o máis previsíbel escenario de novidades que se estaban producindo" no mercado financeiro. Afirmou tamén Cabañó que do informe saíron cinco alternativas posíbeis de actuación para a Xunta "sen decantarse por ningunha delas".

O "fiasco" da operación

Desde o BNG demandan coñecer se ese informe "encargado á trama Montoro" está detrás do "fiasco" arredor da desaparición das caixas de aforro galegas e a súa "bancarización". Neste sentido, Feixoo como presidente da Xunta propiciou en 2010 a fusión das dúas caixas galegas e o nacemento de NovaGaliciaBanco (NGB), unha operación que a Audiencia Nacional cualificaría como "desastrosa" en 2020.

Tres anos despois e tras un gasto público de 9.000 millóns de euros na nova entidade, o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) propiciaba a venta de NGB ao grupo Banesco, propiedade de Juan Carlos Escotet, que se converteu no presidente da entidade resultante, Abanca, por só 1.003 millóns de euros.

No seu primeiro ano, Abanca gañou 1.157 millóns de euros. Desta maneira, coa compra, Escotet non só amortizou o investimento en menos dun ano, senón que gañou un total de 154 millóns de euros a maiores do prezo de compra da entidade xurdida da fusión.

Os informes para a Xunta

Segundo a documentación reclamada polo BNG e entregada pola Xunta, entre 2009 e 2011 o goberno de Feixoo encargou a Equipo Económico un total de 13 informes polos que pagou case 173.000 euros. En 2009, ademais do informe das caixas, outros tres relativos a medidas para atraer investimentos a Galiza, novidades fiscais e situación económica e cambios para enfrontar a crise, cun importe total dese ano de 60.320 euros.

En 2010, o despacho fixo seis informes para a Xunta sobre propostas fiscais, entregas a conta ou a creación dunha axencia tributaria galega, sobre fiscalidade no I+D+i, ou sobre a prórroga dos beneficios fiscais do Xacobeo 2010 e o plan estratéxico da Galiza 2010-2014, por importe de 86.440 euros en conxunto. Xa en 2011 foron tres as encargas ao gabinete, cun custo de 26.078 euros, versando sobre o límite de gasto non financeiro, investimentos en I+D+i e o imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.