Xulio Ferreiro calca o discurso de Podemos: "Non somos nen de dereitas nen de esquerdas"

É o candidato que apoian na Coruña Esquerda Unida e Anova, mais o seu discurso vai máis nunha onda Podemos. 

Xulio Ferreiro
photo_camera Xulio Ferreiro

Xulio Ferreiro ten 40 anos e é profesor titular de Dereito Procesal da UDC e maxistrado suplente na Audiencia Provincial de Lugo, praza á que renuncia para concorrer ás eleccións. 

É de facto o cabeza de lista de Marea Atlántica na Coruña nun proceso de primarias en que non vai ter rival para ser nominado como candidato á Alcaldía. A súa elección, explicaron fontes da Marea, é por "consenso", despois de que os partidos que apoian esta plataforma -EU, Anova, Podemos, Compromiso por Galicia, Equo- renunciasen a competiren polo número un da candidatura.

Si haberá primarias para a escolla do número 2 para abaixo na lista. Iranse realizar na fin de semana do 7 ao 8 de marzo. Ferreiro concorrerá ao proceso de forma simbólica: aínda que non ten rival, as persoas que participen na votación do cabeza de lista si poderán votar en branco.

 Ferreiro concorrerá ás primarias de forma simbólica: aínda que non ten rival, as persoas que participen na votación do cabeza de lista si poderán votar en branco

Esta quinta feira, nun primeiro encontro coa imprensa, Ferreiro puxo en valor a súa condición de "candidato de consenso" e explicou que non terá que competir con ninguén para ser cabeza de lista porque na Marea Atlántica "non hai sector crítico".

Xa nunha entrevista coa canle televisiva de La Voz de Galicia, Ferreiro declarou que Marea Atlántica visa facer política para o "99%". Interpelado sobre a súa definición ideolóxica, o candidato da Marea esclareceu que "non somos nen de esquerdas nen de dereitas", o discurso bandeira de Podemos. O marco no que se move é o da "democracia, a ética e a vida digna para os cidadáns", suficientemente aberto para que "moitos e moitas podan sentirse integrados".

No encontro coa imprensa, abriu a billa a un hipotético pacto post-eleitoral co PSOE, mais sempre condicionado a que o partido socialista decida rachar "coas políticas da Troika".

Comentarios