A Audiencia Provincial da Coruña decidirá sobre a denuncia contra o ex conselleiro Alfonso Vilares por agresión sexual

Alfonso Vilares o día da súa dimisión apoiado por Marta Vilaverde, Antonio Gómez, Alfonso Rueda e Miguel Ángel Santalices. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

Após o Xulgado de Instrución de Ferrol arquivar a denuncia por agresión sexual contra o ex conselleiro do Mar Alfonso Vilares (PP) será agora a Audiencia Provincial quen decida.

O Xulgado de Instrución número 2 de Ferrol arquivou esta segunda feira a denuncia por agresión sexual contra o ex conselleiro do Mar Alfonso Vilares (PP) ao concluír o sumario sen procesamento.

Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), o xulgado deu por concluídas as dilixencias de investigación e acordou que non hai lugar ao procesamento. A parte acusada e denunciante tivo coñecemento da resolución do TSXG esta mesma segunda feira.

A pesar da arquivación do auto, o TSXG eleva o caso á Audiencia Provincial, órgano xudicial que deberá confirmar ou revogar a decisión da instrutora. Cabe a posibilidade de que o Ministerio Fiscal presente nos próximos tres días, como dispón a lei, un recurso de reforma contra a resolución do Xulgado de Ferrol.

A denuncia contra Alfonso Vilares por agresión sexual foi presentada en decembro de 2024 pola actriz e presentadora Paloma Lago. En febreiro, a comisaría da Policía Nacional contactou co conselleiro do Mar para notificarlle a denuncia e preguntar se ía prestar declaración de maneira voluntaria, como así fixo. Foi entón, en febreiro, cando o conselleiro informou o presidente do Goberno galego de que estaba denunciado por agresión sexual. 

Alfonso Vilares presentou a súa dimisión á fronte da Consellaría do Mar nunha comparecencia urxente convocada en San Caetano, sede central do Goberno galego, o pasado mes de xuño. Afirmou entón que dimitía para poder "defenderse" en mellores condicións ante unha acusación da que se declarou "totalmente inocente".

O día seguinte á súa dimisión, no cal Marta Vilaverde tomou posesión como nova conselleira do Mar, Vilares foi arroupado e apoiado publicamente no acto por todos os membros do Goberno galego do PP co seu presidente, Alfonso Rueda, á fronte, con quen se abrazou. Alí, o titular do Executivo galego desexou que "se faga xustiza canto antes" con Vilares para "poder recuperalo para a vida pública".

O 5 de xuño, Rueda asumiu que coñecía desde febreiro a denuncia contra Vilares. "No mes de febreiro, o ex conselleiro Alfonso Vilares comunícame que recibe unha chamada da comisaría de Ferrol onde di que hai unha denuncia contra el e se desexa prestar voluntariamente declaración. El acode, presta esa declaración, coméntame que é por unha denuncia por uns feitos que acaeceran un par de meses antes", relatou entón en declaracións aos medios. Porén, a pesar de coñecer a denuncia a dimisión de Vilares non se desenvolveu até que se fixo público o caso.