Cinco moz@s de Galiza Nova serán xulgados tras denuncialos o alcalde de Mondariz por un mural

A organización nacionalista convoca unha concentración para o mércores 16 de abril, ás 11:15 horas diante dos Xulgados de Ponteareas en apoio cos e coas encausadas por unha 'falta de deslucimento'.

galizanova

Un mural en defensa do ensino público, realizado a carón dun instituto, nun muro onde había pintadas de antiguo, leva a cinco mozos e mozas ao xulgado. O alcalde de Mondariz, Julio Alén, do Partido Popular (PP), denunciou a cinco militantes de Galiza Nova por esa acción na defensa dun ensino público galego.

Estas cinco persoas terán que personarse o vindeiro 16 de abril nos Xulgados de Ponteareas. Galiza Nova convoca, con ese motivo, unha concentración de apoio e solidariedade ás 11:15 diante do edificio xudicial.

“Castigo contra aqueles e aquelas que se rebelan”

O secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, declarou que “o PP ten no seu punto de mira ao ensino público e á mocidade galega que se rebela contra as súas políticas e que reivindica os seus dereitos. Por iso están a levar a cabo accións represivas como aconteceu neste caso en Mondariz e como está a acontecer noutros puntos do País”.

O responsábel de Galiza Nova en Ponteareas, Miguel Bouzó, que tamén será xulgado, anunciou que “nin a represión, nin as identificacións, nin as denuncias do PP van conseguir calarnos, polo que continuaremos loitando polo ensino público galego” - 

Comentarios