O xefe do SUP en Galiza cualifica a deputados do BNG de 'hooligans' que ''incitan á violencia''

José Freire di que parlamentares nacionalistas teñen responsabilidade nos incidentes do cerco de Compostela. ''Prometeron a Constitución e lealdade á autoridade'', afirmou, para acusalos de “aliarse cos que se alegraban de asasinatos de policías''.

montseprado
photo_camera montseprado

O responsábel do Sindicato Unificado de Policía (SUP) en Galiza acusou esta segunda feira durante unha entrevista na Cadena Ser a deputados do BNG de “incitar” á violencia aos mariñeiros do cerco. Non foi a única acusación que José Freire fixo contra a formación nacionalista, da que dixo que “se alía cos que aplaudían que se asasinase policías”.

Freire, preguntado sobre os duros enfrontamentos entre mariñeiros e policías que a semana pasada decorreron en Compostela, aos pés do Parlamento, acusou a “políticos sectarios” de actuar como “hooligans” esa xornada. E, malia non dar nome, referiuse a “dous deputados autonómicos do Bloque”. O responsábel do SUP asegurou que os parlamentares “prometeron unha constitución e lealdade á autoridade” polo que non poden “incentivar á violencia”.

Ao fío das declaracións de Prado

A seguir, José Freire expresou que “vindo de quen vén (o BNG) non nos estraña, porque non é que nos teñan cariño...” Foi entón cando seguiu a afirmación que “se alían con organizacións que 'jaleaban, aplaudían e alegrábanse de que se asasinasen policías”. Afirmacións que chegan apenas días despois de que a portavoz do PP galego, Paula Prado, acusase aos nacionalistas de lexitimar “50 anos de terrorismo en España”.

O responsábel do SUP defendeu en todo momento a actuación policial contra os mariñeiros do cerco, aos que acusou de “tirar pedras, sumidoiros, botellas, queimar contentores...houbo 9 policías feridos, un deles segue de baixa”. 

Comentarios