Xácome rexeita debater no pleno as obras da Avenida de Portugal e a oposición acúsao de "covarde"
Novo choque político no Concello de Ourense. O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, rexeitou levar a pleno unha moción da oposición sobre as obras da Avenida de Portugal, o que desatou duras críticas de PP, PSOE e BNG, que o acusan de evitar o debate mentres medra a polémica tamén pola xestión das termas das Burgas.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome (DO), rexeitou a inclusión no pleno da moción conxunta de PP, PSOE e BNG relativa á paralización das obras na Avenida de Portugal. Así, a oposición cualifícao de “covarde” por “non querer debater”.
“Ademais de inútil, é vostede un covarde, porque isto podería telo evitado dando a cara diante da veciñanza”, afirmou o portavoz do BNG no Concello, Luís Seara, durante o pleno extraordinario celebrado esta segunda feira, insistindo en que a moción “si encaixa perfectamente” na normativa.
Unha idea na que tamén incidiu a concelleira socialista María Fernández, quen sinalou que, se o alcalde “quixese debater”, a cuestión “estaríase debatendo agora”, pero “non quere”. Na mesma liña, a portavoz popular, Ana Méndez, criticou que ao rexedor “lle moleste” que a oposición chegase a acordos: “Nós falamos e escoitamos á veciñanza; a vostede nin se lle pasa pola cabeza. Se non quere dar solucións é o seu problema, pero non trate de botarnos as culpas”.
Pola súa parte, Pérez Xácome fechou a discusión cualificando á oposición de “inútil” por “non saber como levar unha moción a pleno”. “Nin sequera saben como se tramita unha moción e queren solucionar a situación da Avenida de Portugal. Se queren, imos a un bar, debatemos e gravámolo. Sodes uns auténticos inútiles”, respondeu ao remate da sesión.
Así, o alcalde asegurou que o goberno municipal “vai solucionar en tempo récord” a paralización das obras, despois de que a empresa adxudicataria denunciase impagos por parte da administración local.
Polémica polas termas das Burgas
A sesión tamén abordou a ordenanza reguladora do servizo e dos prezos públicos da piscina termal das Burgas, que fixa unha entrada de 7 euros. A oposición votou en contra. A concelleira de DO Tamara Silva defendeu a medida, mentres que desde o PSOE, Alba Iglesias criticou que o termalismo público se converta nun produto “premium”.
Pola súa parte, o concelleiro popular Javier Rodríguez-Novoa reclamou bonificacións en función da renda, mentres que Luís Seara denunciou o “deterioro evidente” das instalacións, fechadas durante máis de seis anos.
Xácome respondeu acusando á oposición de dicir “sandeces” e defendeu que o acceso de pago é necesario. “Se queres bañarte nas termas, paga; é como pagar un café”, afirmou, engadindo que o uso gratuíto favorece situacións inadecuadas.