Pedro Puy, sobre a proposta de Ana Pontón

"Xa se celebrou un debate entre candidatos non só das 4 senón das 5 forzas políticas"

O voceiro parlamentario do PP expuxo esta mañá as propostas do grupo parlamentario popular de cara á xunta de voceiros. Mostrouse disposto a estabelecer relacións institucionais coa comunidade lusófona e deixou en mans do xefe de campaña do PP galega, Miguel Tellado, a opción de aceptar o debate proposto por Ana Pontón. Vídeo no interior

Pedro Puy, voceiro do Partido Popular no Parlamento de Galiza, non precisou se o seu partido aceptará a proposta de Ana Pontón de realizar un debate a 4 entre a actual portavoz nacional do BNG; Alberto Núñez Feijóo, presidente do PP; Pilar Cancela, a presidenta da comisión xestora do PSdeG e a Alexandra Fernández, voceira de En Marea no Congreso. Ante esta proposición Puy respondeu que: “Iso teno que decidir o equipo de campaña”, mais precisou que: “Os medios públicos teñen un plan de cobertura e aquí ninguén cuestionou nin deixou de aceptar este plan que está a facer a televisión de Galiza”. Puy argumentou, ademais que "o outro día xa se celebrou un debate entre candidatos non só das 4 senón das 5 forzas políticas que tiveron representación significativa en Galiza”.

Pedro Puy: “Os medios públicos teñen un plan de cobertura e aquí ninguén custionou nin deixou de aceptar este plan que está a facer a televisión de Galiza”

Por outra banda, Puy mostrou disponibilidade ao ser preguntado por se Galiza rematará por se integrar na comunidade lusófona, após de que a mesma lle trasladase á Xunta de Galiza que vía factíbel o proceso: “Aquí aprobamos unha Proposición de Lei de iniciativa popular na que se establecía como prioritario o afondamento de relacións coa comunidade lusófona en Galiza e, até onde eu sei, a Xunta e o ámbito institucional galego están a facer xestións de aproximación e participación naqueles instrumentos internacionais que levan funcionando dende hai tempo en relación coa lusofonía”. Porén, non concretou a cerca desta integración e remitiuse ao equipo de goberno: “As accións máis aló do que dixo o Director Xeral na súa comparecencia da semana pasada estáas a facer o goberno”.

Pedro Puy: "A Xunta e o ámbito institucional galego están a facer xestións de aproximación e participación naqueles instrumentos internacionais [...] en relación coa lusofonía”

Na súa comparecencia, Pedro Puy expuxo que o grupo Popular proporá incluir na orde do día na xunta de portavoces a aprobación definitiva da proposición de modificación da Lei dos servizos sociais, ante a que Pedro Puy aclarou: “O Partido Popular non rexeitou ningunha enmenda nin do Partido Socialista, nin de AGE, nin do Bloque Nacionalista Galego”, alegando que todas elas se aceptaron ou se rematou chegando a acordos.

O segundo texto lexislativo que propoñen dende o grupo parlamentario do Partido Popular é o Proxecto de lei de policías locais de Galiza, que o goberno levará á camara co obxectivo de mellorar a capacidade dos concellos de organizar as Policías locais, eliminando o tope de idade de acceso aos corpos, até o de agora fixado en 36 anos, e buscando unha maior movilidade no eido das promocións internas.

Os populares, asimesmo, anunciaron que se integrará o aboamento da paga extra do ano 2013 aos empregados públicos, que non fora aboada no seu día. Após do acordo con membros do CSIF e Comisións Obreiras, seralles devolto o importe deste pagamento a todos os empregados públicos. 

Comentarios