mércores 12/08/20

Vox volve bater coas nacións sen estado

Colleita os seus peores resultados en Euskal Herria, Catalunya e Galiza, como xa pasara nos comicios de abril.
Acto de Vox en Ourense
(@Ortega_Smith)
Acto de Vox en Ourense (@Ortega_Smith)

Vox continúa a bater coas nacións sen estado. A formación de Santiago Abascal segue, como nos comicios de abril, sen lograr que o seu discurso penetre na Galiza, Catalunya e, nomeadamente, Euskal Herria no grao no que o fai no resto do estado español. Ese discurso logrou o apoio de 15% das persoas que votaron este domingo, 3.640.000 de papeletas en todo o Estado que lle supuxeron 52 deputados e deputadas. Porén, Vox bateu coas nacións sen Estado.

O partido que lidera Santiago Abascal colleitou os seus peores resultados do 10N en Euskal Herria, Galiza e Catalunya. Galiza e Euskal Herria, aliás, foron os únicos territorios, canda A Rioxa e Melilla, onde a ultra dereita non foi quen de obter representación este domingo.

En Catalunya logrou 2 escanos entre os 48 que se elixían por este territorio. Obtivo 6,3% dos votos, 243.000 sufraxios dos 3.215.000 emitidos. Estes 2 representantes fan parte do total de 6 (2 PP e 2 Cs) que conforman a representación obtida en Catalunya polas forzas da dereita española. Na cita de abril sumaran 7 deputados e deputadas, 1 máis que agora.

Vox logrou un apoio no conxunto do Estado por riba de 15%. Na Galiza non chegou 8%, en Catalunya obtivo 6,3%, en Nafarroa 5,6% e no País Vasco non pasou de 2,4%

Inexistente en Euskal Herria

En Euskadi tivo este partido o seu peor resultado. Só logrou 2,4% dos votos entre Bizkaia, Araba e Gipuzkoa. Ningún deputado, o mesmo resultado que PP e Ciudadanos, polo que a dereita española fica sen representación en País Vasco. Na vila natal de Santiago Abascal, Amurrio, Vox logrou 2,6% dos apoios nas urnas, 153 votos. Esta localidade alavesa votou maioritariamente polo PNV (34% dos sufraxios) e EH Bildu (24,2%), e nela PSOE atinxiu 16% e Unidas Podemos 15% dos sufraxios.

Na outra pata de Euskal Herria no Estado, Nafarroa, Vox tampouco foi quen de lograr representación. Votaron esta opción 5,6% dos electores navarros e navarras. O que vén sendo menos da terceira parte dos que apoiaron EH Bildu (17%) ou Podemos (16%) nas urnas.

Quinta forza na Galiza

Na Galiza Vox foi quinta forza. Obtivo 7,8% dos votos, o que é a metade que a media española de apoio a esta formación ultra españolista (15%). A circunscrición onde atinxiu mellores resultados no noso país foi A Coruña, con 8,2% e onde peor, Pontevedra, onde sacou 7,2%. Porén, logrou resultados destacábeis nas circunscricións de Lugo e Ourense, onde se situou como cuarta forza. En cidades como Ferrol, Vigo, Vilagarcía ou Ourense, entre outras, tamén foron cuartos.

Os 52 deputados e deputadas que Vox sitúa no Congreso foron conseguidos en 14 comunidades autónomas. A que máis representantes outorgou aos da ultra dereita foi Andalucía, con 12, seguida de Madrid, con 7. Por Valencia Vox obtén tamén 7 representantes na Cámara baixa española. Por Castela-León logra 6 e por Castela-A Mancha, 5.

Os mellores resultados dos de Abascal foron en Murcia (28% dos votos), onde foi a forza máis votada; e en Ceuta (35%), onde tamén foi primeira forza. En Castela A Mancha le Andalucía superou 20% dos apoios.  

comentarios