Unidas Podemos obtén dous escanos e En Marea 1,1% dos votos

Menos de 18.000 votos, o 1,1%, son o resultado de En Marea despois de que a facción de Luís Villares rompera con Podemos, Esquerda Unida e Anova. Na noite electoral, escudouse nas dificultades de facer “unha campaña en positivo nun contexto que talvez non era o mellor, debido ás apelacións ao medo e ás barricadas”.
 

en marea
photo_camera O portavoz de En Marea, Luís Villares, na súa comparecencia do 28 de abril. Foto: cedida.

Villares só mencionou factores externos e lamentou a “polarización en chave estatal” dos comicios. Non obstante, asegurou que En Marea sente “alivio e alegría” pola contención da dereita e pola “vitoria do bloque progresista”. “Somos parte del”, engadiu.

O portavoz de En Marea continuou as súas explicacións dos exiguos resultados e dixo que, ao seu ver, moita “xente progresista concentrou o seu voto no PSOE a costa do sacrificio dos intereses de Galiza. O motor do discurso foi o medo e non as propostas”.

“Toca reflexionar”, asegurou no único indicio de autocrítica da comparecencia, “en vindeiras ocasións esforzarémonos en explicar mellor a nosa proposta”.

En Común Unidas Podemos

Un deputado pola Coruña, outra por Pontevedra e algo máis de 235.000 votos son o resultado de En Común-Unidas Podemos. Segundo Yolanda Díaz, cabeza de lista por esta última circunscrición, son “a pista de saída para gobernar a Xunta”.

Para Díaz, que compareceu en Compostela na noite electoral canda Antón Gómez-Reino, os resultados electorais “deixan completamente esnaquizado o PP, o partido da corrupción”. E celebrou “a derrota do bloque da dereita, non vai gobernar o bloque reaccionario”, ao tempo que afirmaba que “a cidadanía dixo claramente que quere un Goberno de progreso”.

“En Común Unidas Podemos traballará desde mañá para cumprir o mandato da cidadanía galega e española”, engadiu. Gómez-Reino sinalou que a alianza entre Podemos, Esquerda Unida e Equo irá a Madrid “para conformar un goberno de progreso en que Galiza estea no centro.

Nas eleccións de 2016, os partidos integrados en En Común concorreran canda Anova aliados en En Marea. Acadaran cinco cadeiras no Congreso e unha no Senado. 

Comentarios