URBANISMO

Vigo tenta legalizar pola porta de atrás parte do PXOM anulado en 2015

O Concello de Vigo acordou acollerse ao trámite excepcional recollido na lei 2/2017 de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, para aprobar un “ordenamento provisional” que restitúa en parte o plan xeral anulado por sentenza do Tribunal Supremo, en 2015.

vigo_youtube
photo_camera Vista área de Vigo [Imaxe: Youtube]

O próximo 30 de novembro cumpriranse dous anos de que o Tribunal Supremo anulase o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo, aprobado en 2008. Un fallo motivado na ausencia dun informe ambiental estratéxico que fixo retroceder a ordenación urbanística ao plan do ano 1993, xerando unha situación de inseguridade xurídica e bloqueando o urbanismo vigués. De prosperar o procedemento iniciado o pasado 17 de agosto polo goberno local, grazas ao acordo plenario onde o PSOE conta con maioría absoluta, a cidade olívica poderá contar cun ordenamento provisional antes dese segundo aniversario. 

A anulación do PXOM de 2008 fixo retroceder a ordenación urbanística a 1993

O Goberno galego xa facilitou a legalización de proxectos de interese público, como foi o caso da ampliación da factoría de PSA-Peugeot Citroen a través dunha lei ad hoc que permitía a execución dos mesmos malia non estaren recollidos no planeamento en vigor. Sob esa fórmula poderían ir adiante tamén a construción da terminal de autobuses e completar a nova estación de ferrocarril. No entanto, esa vía excepcional non evitaba que a tramitación urbanística ordinaria, de licenzas de obra e nova construción, ficase na práctica paralizada. Centos de familias foron durante estes meses vítimas da incerteza, dado que retornar ao plan do 1993 supuxo en moitos casos cambios na cualificación urbanística que lles impedían acometer os seus proxectos, ao deixar de ser urbanizábel o terreo ou sufrir importantes restricións no alcance desa urbanización. Aliás, a anulación do PXOM supuña tamén finiquitar, polo menos temporalmente, o desenvolvemento previsto en ámbitos como a Praza dos Cabalos, Beiramar, o barrio do Cura. Tamén no litoral, onde o plan do 2008 prevía unha importante recuperación ambiental coa retirada de edificacións e dotacións que arestora ocupan superficie de areais como Samil. 

Novo PXOM 

Nada se sabe do novo PXOM que o goberno de Caballero anunciou en febreiro que estaba "practicamente rematado"

Após a anulación, o goberno de  Abel Caballero manifestou publicamente a súa intención de aprobar un novo ordenamento sob a premisa de recoller basicamente o PXOM de 2008, introducindo apenas as modificacións indispensábeis. Tanto o BNG como Marea de Vigo defenden, pola contra, a elaboración dun novo plan que racionalice o desenvolvemento urbanístico, especialmente no referido á construción de nova vivendas nunha cidade con 16 mil inmóbeis baleiros, e que conte coa máxima participación veciñal. Ambas as dúas forzas apostan tamén porque o novo PXOM feche definitivamente a porta á instalación dun macrocentro comercial en Cabral (Porto Cabral), elevando a protección ambiental do monte vigués. Pola súa banda, o Partido Popular urxe desde hai meses un novo planeamento mais sen definirse a respeito da súa orientación e deseño. 

En febreiro deste ano, a concelleira de Urbanismo, María José Caride, declaraba que o borrador do novo plan estaba “practicamente terminado”. Porén, desde o seu departamento inda non transcendeu ningún documento que o confirme, e a única información que ofreceu na Xerencia de Urbanismo e no Pleno municipal, a preguntas da oposición, é que a elaboración do novo PXOM fora encomendada ao propio persoal da Xerencia, a cambio de bonificar as súas retribucións. O custe do novo plan elevaríase, segundo afirmou a propia Caride, a 1 millón 175 mil euros.

Ordenación provisional

En medio do case total hermetismo co que o goberno municipal está a xestionar a cuestión, o pasado 25 de xullo o pleno municipal acordaba acollerse a vía prevista na Lei 2/2017  de medidas fiscais, administrativas e de ordenación. Nela estabelecíase un mecanismo para que os concellos con plans urbanísticos anulados, como o de Vigo, puidesen aplicar unha “ordenación provisional” durante o proceso de aprobación do novo PXOM. A lei recolle expresamente a obrigatoriedade de que se presente un borrador do novo plan no prazo dun ano, que deberá ser aprobado no prazo máximo de dous. Ademais, a aprobación provisional non poderá demorar para alén dos tres anos e seis meses. 

De acordo aos prazos fixados na lei 2/2017, Vigo tería de contar cun PXOM aprobado provisionalmente antes de mediados de 2020

A ordenación provisional solicitada polo Concello de Vigo, fica arestora en proceso de exposición pública até o próximo 24 de setembro. Os prazos comezarán a contar a partir dese momento, sempre e cando a Xunta dea a súa autorización. Desta maneira, a cidade de Vigo contaría a finais deste ano cunha ordenación urbanística provisional que podería ficar en vigor até mediados de 2020. O primeiro repto será a presentación do borrador durante o ano 2018, de non o facer o urbanismo vigués volvería ao punto de partida, isto é, o PXOM de 1993.

Unha cuarta parte da cidade

A ordenación provisional definida polo Concello de Vigo atinxe unha superficie total de 23 millóns de metros cadrados, o que representa unha cuarta parte da extensión territorial da cidade. Fundamentalmente abrangue todo o solo cualificado como “urbano consolidado”, incluíndo 26 mil vivendas xa existentes e 9 mil parcelas sen edificar. 

A ordenación provisional deseñada polo goberno de Caballero atinxe unha cuarta parte da superficie da cidade 

Os ámbitos máis afectados pola modificación fan parte do cinturón periurbano, como os barrios de Teis, San Xoán, Matamá ou Comesaña. Fican excluídas aquelas zonas nas que é asumíbel, en opinión dos técnicos municipais, o fixado polo PXOU de 1993 e aqueloutras nas que non é legal recuperar a planificación de 2008. Pola contra, si que se inclúen as zonas nas que solicitaran ou tramitaran licencias de edificación ou legalización, ao abeiro do plan anulado, como son Rosalía de Castro, Vista Alegre, Camilo José Cela, Filipinas-Couto, Tomas A. Alonso, Pastora, Arquitecto Palacios, Porto de Canido, Povisa, Avenida Atlántica, Subida a Costa, Pitieiros e Cordelerías Mar (en Beiramar).

Comentarios