"Vexo corrupción vinculada ao desvío de fondos en Angrois"

Na escena política galega Ana Miranda é sinónimo de hiperactividade. Sacha en múltiples leiras á vez, así que desta volta, e para non dispersármonos de máis, acotamos a conversa -na redacción de Sermos- a tres frontes: Pazo de Meirás, Catalunya e Angrois. A principios de 2018 tomará posesión do euroescano do BNG en Bruxelas. A súa paixón por aquilo que fai, por aquilo no que se compromete, non ten límite. É a entrevista política do Sermos265. Eis un avanzo da conversa.

20170922_134625 (1)
photo_camera Ana Miranda

-No tema de Angrois [sinistro ferroviario que se saldou con 80 vítimas mortais], se finalmente se demostrar que houbo unha neglixencia por parte de Madrid, isto pode acabar en algún tipo de sanción para o Estado?

-Nós non aspiramos a que haxa unha sanción. Ao que aspiramos é a que haxa verdade e a que haxa reparación e xustiza para as vítimas e, sobre todo, evitar accidentes futuros. Entón, cando coordenamos en novembro de 2015 a visita a Bruxelas dunha delegación das vítimas, pois o que se conseguiu é que a Axencia Ferroviaria  Europea se posicionase cun informe demoledor que cuestiona o Estado por como investigou o accidente e por ter sido neglixente á hora de non avaliar os riscos do trazado en que se produciu o sinistro. Hai indicios suficientes para condenar o Esado español. E condenalo porque aí hai moitos fondos metidos nos cambios de proxectos e eu estou moi convencida de que o tema de Angrois está vinculado á corrupción. É que cada vez é máis evidente. Houbo cambios de proxectos, moitas variantes desde o estudo inicial até a súa execución... E logo o mínimo que se exixe pola lexislación europea -a avaliación de riscos do trazado previa e integral, no trazado e nas máquinas- non se fixo. Entón? Onde van eses cartos? E era diñeiro europeu. Esa ligazón entre publicidade enganosa, uso de fondos e falla de cumprimento de normativa...

2

-Inflouse o orzamento nas obras para desviar fondos?

-Estou convencida. Non teño as probas suficientes aínda, pero estounas recabando. En todo caso, un ERTMS [o sistema de freado automático que tería evitado a catástrofe] non era caro, as balizas non eran caras. Unha baliza anda polos 600 euros. É unha cuestión de cumprir ou non cumprir coa normativa. Agora, en xullo, acabo de apresentar o procedimento de infracción [contra o Estado español]  e chegoume agora en setembro unha carta [da Comisión Europea] a me dicer que o están estudando. En principio teño unha reunión coa comisaria en Outubro, o que é un indicio bon. Se a Comisión lle dar luz verde ao procedimento, entón o asunto será xulgado polo Tribunal de Xustiza europeu. 

[A íntegra desta entrevista, unha dupla páxina, aparece no Sermos265, disponíbel na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]

Comentarios