Vence defende en Bruxelas un Estado propio para Galiza, xunto a ERC e Aralar

Vence (BNG), Junqueras (ERC) e Zabaleta (Aralar)

O portavoz nacional do BNG participou nunha conferencia organizada pola Alianza Libre Europea (ALE) en Bruxelas. O líder do Bloque defendeu unha Galiza con "ferramentas propias dun esado" para ter "presenza directa" nas negociacións da UE. 

 

Xavier Vence participou esta cuarta feira en Bruxelas nunha conferencia organizada pola ALE da que tamén tomaron parte o president de ERC, Oriol Junqueras, e o coordenador de Aralar, Patxi Zabaleta. 

O voceiro nacional do BNG defendeu no Parlamento europeo a necesidade de que Galiza conte con "ferramentas propias dun estado" na Unión Europea para gozar dunha "voz propia" perante as institucións e "defender os intereses" dos sectores produtivos galegos como o agro, a pesca ou o naval. 

"Temos sobrados exemplos", explicou Vence, "de que Galiza perde cando é o Estado español quen negocia" en nome do pobo galego. Neste senso, o líder do Bloque asegurou que existen "sobrados exemplos" desta realidade como son, sinalou, a exclusión do Porto de Vigo do primeiro nivel das estruturas europeas ou o acordo pesqueiro recentemente aprobado entre a UE e Mauritania que "deixou fóra á frota cefalopodeira" galega. 

Vence asegurou que a creación dunha "macrocoalición" das nacións sen estado ás europeas "avanza sen présa mais sen pausa"

Así, o voceiro nacional do Bloque dixo agardar "que o resultado das eleccións europeas" que terán lugar en maio de 2014 "supoña un avanzo das forzas nacionalistas de esquerda das nacións sen estado" e indicou que as negociacións para a construción dunha "macro-coalición" integrada por forzas homólogas ao BNG en Euskadi e Catalunya "avanzan sen présa mais sen pausa". 

Aliás, acrecentou Vence, a Unión Europea debe contribuír "a recoñecer as aspiracións de soberanía de Galiza, Catalunya e Euskadi por respecto democrático", afirmou. Algo que xa se está a dar no caso de Escocia ou Flandes, salientou, "nun signo de normalidade democrática" do que dixo, "debe tomar nota o Estado español".