As usuarias do bus urbano na Galiza aumentaron 19% e xa abeiran os 51 millóns

En 2022 o transporte urbano na Galiza rexistrou 50.768.000 persoas usuarias, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, cifra que supuxo 19% máis que o ano anterior. Bonificacións e descontos incentivaron o uso dun medio indispensábel nas cidades galegas.
Bus_autobús_plan_de_transporte
photo_camera O autobús urbano, peza indispensábel de transporte nas cidades. (Foto: Xunta)

O transporte urbano é un tema fixo entre as preocupacións e peticións da veciñanza das cidades galegas cando se achegan as eleccións municipais. Melloras no servizo, na frecuencia e na puntualidade, ampliación de liñas ou tarifas e bonos máis asequíbeis centran unhas demandas ás que as diferentes candidaturas tentan dar resposta nos programas electorais. 

Contra o que se poida pensar dun país, como a Galiza, sen grandes cidades, o transporte urbano xa é un elemento imprescindíbel que é usado a diario por ao redor de 140.000 viaxeiras e viaxeiros. De feito, no ano 2022 viaxaron con este medio 50.768.000 persoas usuarias, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), un 19% máis que no exercicio anterior. 

O aumento, importante, explícase en boa medida pola política de bonificacións e axudas impulsada ao longo do ano pasado polas Administracións para facer fronte a un escenario de suba da inflación e aumento de prezos constante. Unhas compensacións que se están a prolongar durante o primeiro semestre de 2023.

De Vigo a Lugo

Entre as sete cidades galegas, Vigo figura como aquela onde o transporte urbano é máis caro, segundo a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) e o de Lugo, o máis barato.

Vigo, a cidade máis poboada do país, onde a actual concesión —prorrogada en 2020 por cinco anos— data de 1995, ten case 1.200 puntos de parada nunhas liñas que suman case 600 quilómetros. A distancia que hai entre a cidade olívica e Gasteiz, en Euskadi. A tarifa ordinaria do bus é de 1,49 céntimos, mais con bonos e tarxetas este fica moi reducido, a menos da metade.

Este sistema non estivo exento da súa polémica no seu día. O alcalde, Abel Caballero (PSOE), impulsou a 'Passvigo', unha tarxeta de descontos no trasporte urbano para persoas censadas na cidade, excluíndo aquela poboación de toda a contorna que usa este medio. A xustiza instou o Concello a non exixir ese requisito. Caballero sacou entón a 'Tarxeta Branca', coa mesma finalidade que a 'Passvigo' mais para non empadroados.

Entre polémica e polémica, o Concello prepara o seguinte paso após a concesión do monopolio que ten Vitrasa (en 2025) e a oposición ínstao a mellorar frota, servizos e, como demanda o BNG, a facer gratuíto o bus para colectivos como menores de 14 anos ou perceptores do Ingreso Mínimo Vital.

En Lugo en 2022 houbo un novo mapa de liñas de bus urbano e unha reordenación do tráfico. O tenente de alcalde, Rubén Arroxo (BNG), liga estas actuacións cunha aposta pola "mobilidade" e unha cidade coas persoas como "protagonistas" e na que tamén o tren xoga un papel importante. En setembro anunciara unha bonificación do billete de bus urbano de 30% que baixou até 31 céntimos a viaxe o billete normal e 21 o de estudantes, desempregados ou menores. Porén, desde o PP lugués fíxose nestes meses bandeira de batalla contra esas propostas de mobilidade, defendendo as "necesidade" dos vehículos privados.

A Coruña é unha cidade que dispón tamén de diferentes propostas, como a tarxeta Millennium, para abaratar a tarifa de bus, algo que se estende a todas as urbes. Na Coruña, o número de usuarias anuais anda nos 20 millóns e o Goberno local tamén anunciou no seu día bonificacións (20%). Desde Marea Atlántica e o BNG defenden a xestión pública deste servizo. 

Compostela, con 5,8 millóns de usuarias en 2022, mira con preocupación o que pode pasar en 2024 após coñecerse que o prezo do billete podería subir até 1,58 euros —"cifras estimadas"— co novo contrato de transporte. 

Ferrol leva tempo acollendo mobilizacións e protestas sobre o transporte na comarca, que atinxe tanto o bus como o ferrocarril. E en Ourense, o alcalde e candidato de Democracia Ourensá, Gonzalo Pérez Xácome, promete transporte público gratis a partir de 2024.

Mobilidade

De cara ao 28-M na Galiza, o PP aposta en manter "incentivos e bonificacións" e apela á colaboración entre a Xunta, os concellos e a "iniciativa privada" para fomentar o transporte.

O BNG, cunha visión de conxunto de país, propuxo a 'Tarxeta 30 Toda Galiza', unha tarxeta plana de transporte intermodal que por 30 euros mensuais permite a calquera persoa viaxar vía tren, autobús, barco e taxi rural por todo o país. Pola súa parte, o PSdeG propón un "plan de choque" en transporte público que poña o foco especialmente en familias e mocidade.

O "exemplo Pontevedra"

O novo modelo de autobús urbano en Pontevedra, implantado a finais de 2021, ten unha media de 24.000 persoas usuarias ao mes. Son só dúas liñas circulares. O propio, defende o Concello, para dar servizo á veciñanza ao tempo que se enmarca nunha estratexia de mobilidade, a de Pontevedra, que non para de colleitar premios e recoñecementos ao longo destes anos. Proxectos e iniciativas como a do 'Metrominuto' —pola que se interesaron cidades como París—, incentivando os desprazamentos a pé.

70% dos desprazamentos que os pontevedreses e pontevedresas cubrían a finais do século XX en coche privado complétanos agora cunha alternativa máis ecolóxica e saudábel, a pé ou en bicicleta. O transporte público tamén xoga un papel de apoio, mais o protagonismo é sempre das persoas no marco do que o Goberno local denomina "a mobilidade alternativa" e que fai que no centro histórico e comercial haxa 92% menos de coches e no conxunto da urbe, 53% menos.

Comentarios