A UPG toma parte en México no XIX Seminario “Os partidos e a nova sociedade”

Hai 19 anos que se vén realizando na cidade de México o Seminario Internacional “Os partidos e a nova sociedade”. Desta volta a participación galega recae na Unión do Povo Galego, partido integrado no BNG.

 

Duarte Correa, secretario de Relacións Internacionais da Unión do Povo Galego, vai oferecer unha palestra neste seminario internacional sobre “a loita fronte á Unión  Europea e a reivindicación da soberanía como elemento que caracteriza a todos os procesos políticos contrarios ao neoliberalismo e á actual orde mundial”, informou a Sermos Galiza o dirixente deste partido comunista que fai parte do BNG.

Neste foro internacional, que realiza as súas análises desde unha óptica anti-imperialista, participan representantes de gobernos, organizacións políticas e sociais, analistas internacionais, intelectuais e estudosos de moi diversas materias.

O seminario, no que en edicións anteriores ten participado a Fundación Moncho Reboiras, comezou a quinta feira e decorrerá até este sábado.