“Umha história de luita, um futuro nosso”, lema da manifestación independentista do 25-X

Convocada desde asembleas abertas comarcais, sairá ás 13 horas da Alameda de Compostela.

assembleais abertas independentistas independencia

A base social do independentismo está convocada este Día da Patria Galega a se manifestar en Compostela, con saída ás 13 horas desde a Alameda da capital galega. A convocatoria parte das asembleas abertas independentistas, asembleas a nivel comarcal que están a impulsar un proceso de “re-formulaçom” e “re-organizaçom” do independentismo.

“Umha história de luita, um futuro nosso” é o lema escollido para a mobilización deste 25-X e no que terá un espazo especial “festexar” a “vitória judicial na Audiência Nacional espanhola” no proceso contra 12 independentistas no marco das Operacións Jaro I e II.

Mais a mobilización tamén servirá para o encontro da “comunidade de resistencia” que en todo este tempo se foi tecendo, superando e rebordando organizacións, en torno ao “compromisso sincero coa defensa da Galiza”.

Unha comunidade que tamén acredita no protagonismo das mulleres independentistas neste proceso de “re-formulaçom” do independentismo, así como na necesidade de pular por un “processo aberto, descentralizado, organizado desde a base, onde confluam assembleias comarcais autónomas, baixo a consigna do “atua local, pensa nacional”.

As ‘assembleias’ nacen na primavera do 2021 a partir dun plenario nacional de Causa Galiza onde se decide “abrir o horizonte organizativo do movimento independentista”. O seu carácter é aberto no tempo, “nom hai umha data de encerramento fixa do processo nem tampouco umha força organizativa fechada”.

“Serám as militantes as que, através da participaçom e o compromisso, actualicem e definam esta ferramenta independentista para o futuro”.

Até o de agora hai ‘assembleas abertas’ nas comarcas da Mariña, A Coruña, Ferrol-Trasancos, Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Comentarios