O TSXG ratifica a condena a un ex concelleiro de DO por acoso á xefa da Policía Local
O concello tamén é considerado responsable dos cargos e terá que embolsar unha indemnización de 30.000 euros á xefa da policía local
A Sala do social do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) ratificou a condena ao ex concelleiro de Democracia Ourensá Telmo Ucha, así como ao propio Concello de Ourense, por acoso laboral á xefa da Policía Local, a intendente María Barreira, tras desestimar o recurso de suplicación presentado polo Consistorio. Ademais, o alto tribunal afea ao alcalde, Gonzalo Pérez Xácome, que se "mofase" da denuncia.
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza entende que a actitude do concelleiro Telmo Ucha, que por aquel entón levaba a área de Seguridade Cidadá, "para coa xefa da Policía Local, tanto antes de asumir a Concellaría como posteriormente, sen dúbida era coñecida no ámbito do concello, pois tratábase de manifestacións en redes sociais, en prensa e nas propias dependencias".
Así pois, cualifican de "sorprendente" que o rexedor municipal, Gonzalo Pérez Xacome, "non tivese coñecemento" de que o edil dera a orde de entrar cun cerralleiro no despacho da xefa da Poicía, uns días despois de que esta causase baixa por incapacidade temporal.
O tribunal reprocha que nin nese momento o rexedor "se interesou polo ocorrido nin adoptou medidas". "Non é comprensíbel que estes feitos de suma gravidade non fosen coñecidos polo señor alcalde cando sucederon, e se unicamente cando a actora remitiu un burofax ao señor alcalde opoñéndose á actuación levada a cabo", esgrimen na sentenza, na que o tribunal expón que "nin sequera nese momento consta actuación algunha do concello" acerca dun feito "tan grave e desproporcionado" como é o desaloxo "pola forza dun despacho dun funcionario público".
"A inacción do concello demandado constitúe unha infracción en materia de prevención de riscos laborais por incumprimento dos dispostos no artigo 14.1 da Lei de prevención de riscos laborais, que estabelece o dereito de todo traballador a unha protección eficaz de materia de seguridade e saúde no traballo; sendo o acoso un dos riscos que se pode producir", manifesta a sentenza.
Así, o fallo comparte os argumentos esgrimidos polo xuíz do Social 1 de Ourense, que xa condenara por acoso, expondo que "mesmo no caso de que non houbese acoso o protocolo debe de pórse en marcha e fecharse no caso que se aprecie que a denuncia do traballador é infundada".
"Pero o que nunca procede ante unha denuncia por acoso é non facer nada como fixo o concello demandado", recolle a sentenza do TSXG. Todo iso para o alto tribunal mostra "absoluta pasividade" por parte do concello.
Crítica a actitude de Xácome
Ademais, consideran que as manifestacións efectuadas "tanto polo concelleiro como polo señor alcalde nos plenos ordinarios do concello, así como en redes sociais" son "absolutamente impropias dun mandatario público que exerce autoridade".
"Sen dúbida estase mofando da denuncia de acoso presentada pola xefa de Policía Local insinuando que a acosadora é ela, o cal, evidentemente, afecta á dignidade desta mentres segue sen adoptar medida algunha para iniciar o protocolo ante unha denuncia de acoso laboral", reprocha o tribunal.
Por todo o exposto consideran que se acreditou que se infrinxiu a normativa laboral en materia de prevención de riscos laborais, desestimando o recurso.
De todos modos, o concello e o ex concelleiro —que non apelou— terán que facer fronte conxunta e solidariamente á indemnización previamente imposta de 30.000 euros á xefa da Policía Local. Aínda que cabe a posibilidade de presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.