O PP continuará mantendo Gonzalo Pérez Xácome á fronte da Alcaldía de Ourense

Así o anunciou o grupo municipal do Partido Popular na cidade das Burgas.
Gonzalo Pérez Xácome fíxose hai un ano co bastón de mando en Ourense (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
photo_camera Gonzalo Pérez Xácome fíxose hai un ano co bastón de mando en Ourense (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).

O Partido Popular continuará mantendo a Gonzalo Pérez Xácome á fronte da Alcaldía de Ourense. Así o anunciaron esta cuarta feira os concelleiros da formación na Corporación municipal da cidade das Burgas, que rexeitaron continuar a negociar unha moción de censura con socialistas e nacionalistas.

A posibilidade dun cambio de Goberno no Concello de Ourense esvaese. Unha vez que a candidata socialista Natalia González contaba co apoio dos catro concelleiros e concelleiras nacionalistas para facerse coa Alcaldía da cidade, os populares fixeron pública a súa decisión de non avalar unha moción de censura para apartar do Executivo a Gonzalo Pérez Xácome, cuxos votos posibilitaron hai un ano o acceso á presidencia da Deputación do novo home forte do PP na circunscrición, Luis Menor.

Os populares fixeron anunciaron a súa posición horas antes dunha reunión convocada polos socialistas para debater o futuro o Executivo da cidade. Nunha, comparecencia publica, onde participaron todos os concelleiros do partido, a voceira da formación Noelia Pérez afirmou que "nós non imos acudir por respecto aos nosos cidadáns e aos nosos votantes", en relación co encontro convocado polo PSdeG, a quen acusou de manter reunións paralelas co BNG.

Pérez cargou contra o PSdeG e o BNG, afirmando que “preguntámonos que intereses partidistas e que intereses persoais hai detrás porque é certo que son pura incoherencia. Parécenos unha falta de respecto cara ao partido e tamén facía os cidadáns de Ourense". Porén, as palabras máis duras dedicoullas aos nacionalistas, indicando que “non podemos esquecer que o BNG é un partido independentista que está a facer en Ourense o mesmo que con Pedro Sánchez en España: Chantaxear".

O voceiro nacionalista Luís Seara respondeu ao movemento dos populares, asegurando que "o PP nunca quixo censurar a Xácome, pois é con el con quen asinaron en 2019 e no 2023”. Neste sentido, lembrou que “na última reunión mantida, o BNG deixou a súa sinatura nun documento-proposta de moción de censura agardando polas outras trece necesarias para que prospere, sete do PP e seis do PSdeG".

"Falsas expectativas"

Seara lamentou  que "se crearan falsas expectativas en boa parte da veciñanza xa que o PP nunca tivo vontade de que a moción prosperase. Nós fomos moi claros desde o primeiro momento namentres que o PP, o único que fixo, ao igual que no mandato pasado, foi pór escusas constantemente, escusas que por certo, aseméllanse moito a iso do que tanto se queixan, liñas vermellas".

Comentarios