O TSXG avala o derrubamento do muro que Feixoo construíu na súa antiga casa en Moaña

Cando se vendeu a vivenda, en 2021, o Concello ordenou a demolición do muro, argumentando que excedía a altura permitida e que ocupaba espazo de cesión municipal.
O presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, no Congreso. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
O presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, no Congreso. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) avalou o derrubamento do muro que Alberto Núñez Feixoo construíu por motivos de seguridade, cando era presidente da Xunta da Galiza e coa autorización do Concello de Moaña, "na súa antiga vivenda", segundo sinala a sentenza. Para iso, tivo que ocupar unha parte de dominio público.

A licenza outorgada que foi outorgada a Feixoo, continúa, era de carácter temporal e intransmisíbel e estaba condicionada expresamente a que el seguise sendo o propietario do inmóbel, que foi vendido en 2021. Por iso, o Concello comunicou ao novo propietario que a autorización estaba extinguida e ordenou axustar o fechamento da vivenda á normativa urbanística, o que implicaba demoler o muro e liberar un tramo de dominio público.

Agora, o alto tribunal galego desestima o recurso de apelación presentado polo actual propietario da casa e confirma a sentenza emitida polo maxistrado do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra. A Sala recalca que o Concello de Moaña concedeu a licenza en 2017 para a ocupación temporal de espazo público e a construción do muro por motivos de seguridade, todo iso condicionado a que o entón presidente da Xunta fose titular do inmóbel.

Cando se vendeu a vivenda, en 2021, o Concello ordenou a demolición do muro, argumentando que excedía a altura permitida e que ocupaba espazo de cesión municipal. "Unha vez tomado coñecemento o concello desa transmisión, notificou ao recorrente e apelante un requirimento para proceder á demolición do muro de seguridade construído na parcela, considerando que se produciu un cambio de titularidade e que desapareceran as causas que motivaron a concesión da licenza de obra para a súa construción", sinala.

O TSXG remarca que o muro "vulnera" a normativa urbanística do concello, xa que é "ilegal", non só pola altura, senón tamén por ocupación de espazo de cesión. A maxistratura engade que, o actual propietario, non ten motivo algún para mantelo con base a unha hipotética situación de seguridade.

No seu caso, o actual dono da vivenda "debería proporse como unha nova solicitude do agora apelante e unha nova valoración en informes dos órganos correspondentes que adecuase o caso á súa situación persoal". A resolución do TSXG non é firme, xa que é posíbel interpor recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Comentarios