Transportes sitúa para o verán a chegada dos trens Avril á Galiza

(Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Cifra en 18 millóns o aforro polas bonificacións na AP-9.

A ministra de Transportes, Raquel Sánchez, asegurou que o Goberno español fará "todo o posíbel" para que os trens  Avril cheguen no verán a Galiza e tamén vexa mellorados os tempos do AVE, xa que a conexión de Ourense co resto de urbes reducirase en 20 minutos; aínda que se mostrou cauta e advertiu que, aínda que existe "o compromiso" de Talgo, dependerá das probas de seguridade.

Así o trasladou na rolda de prensa posterior á reunión que mantivo en Santiago co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo. Na súa quenda, o mandatario galego defendeu que ter estes trens circulando "en xuño" sería o óptimo e subliñou que "non é o mesmo" que cheguen nese mes, previo á maior afluencia turística dos meses estivais, que "en setembro".

Pola súa parte, a preguntas dos medios, a ministra confirmou que o verán é "o horizonte desexábel" para que poidan circular por Galiza os trens Avril e que, dado que existe o "compromiso" de Talgo, están a realizarse "todos os esforzos" para que se materialice. Aínda así, advertiu que as probas de homologación e seguridade "requiren os seus tempos".

"Partindo desa premisa e con esa base, faremos todo o posíbel para que poidan circular no verán. Hai que ser cautelosos, pero sería o desexable", sentenciou Sánchez.

Ap-9

A ministra de Transportes, cifrou en 18 millóns de euros o "aforro" dos usuarios e usuarias da AP-9 na Galiza entre 29 de xullo e 31 de decembro, debido ás bonificacións nas peaxes aprobadas no seu día polo Goberno español.

Sánchez lembrou que se articularon 2.300 millóns de euros ata 2048 en bonificacións da AP-9, incluída a gratuidade entre Vigo e Redondela, polo que se poden cualificar, dixo, como "históricas". A preguntas dos xornalistas sobre o expediente aberto en Europa e a carta a España pola prórroga da concesión da AP-9 até 2048, confirmou que "se procedeu a contestar á mesma", mais evitou concretar o contido porque se trata, esgrimiu, de "información reservada". "Haberá que ver como finaliza este expediente", resolveu.

Financiar autovías

En relación ao novo modelo para o financiamento de estradas no que traballa o Goberno, Sánchez dixo que tentará que o sistema saia adiante cos "máximos consensos". A ministra ratificou que a proposta do Goberno español "someterase a consideración de todos os territorios implicados".