Caso Koldo

O foco vira cara o PP: o auto do xuíz revela contactos do 'cerebro' da trama con Miguel Tellado "e con Alberto"

Segundo figura no auto do xuíz Moreno, Koldo García dixéralle o pasado decembro ao presunto 'cerebro' da trama, o empresario Juan Carlos Cueto, que quedara "con Miguel Tellado e con Alberto [de quen non se confirma a identidade no escrito] ao día seguinte".
Cuca Gamarra e Alberto Núñez Feixoo, no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Cuca Gamarra e Alberto Núñez Feixoo, no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Os ecos do 'caso Koldo' resoan polos corredores do Congreso sen que aínda chegue a albiscarse realmente a magnitude da trama. O xuíz da Audiencia Nacional que instrúe a causa, Ismael Moreno, vén de sinalar como "intermediario" o ex ministro José Luis Ábalos, se ben, polo de agora, non figura como investigado, como si o están sete persoas —unha delas o propio ex asesor de Ábalos, Koldo García—, polos presuntos delitos de organización criminal, branqueo de capitais, suborno e tráfico de influencias.

O Partido Popular reuniu esta quinta feira de urxencia o seu comité de seguimento do caso para analizar as últimas informacións aparecidas en prensa, que apuntarían a Begoña Gómez, muller do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, a quen —segundo El Confidencial— ofreceron "dúas oportunidades de negocio" o 'comisionista' do Ministerio de Transportes, Víctor de Aldama, e o conselleiro delegado de Globalia, Javier Hidalgo, coincidindo no tempo coas adxudicacións dos contratos de compra de máscaras. Tamén El Mundo apuntou que Ábalos mantivo un encontro o pasado xaneiro con Koldo cando xa terían ambos os dous coñecemento da causa.

Desde as filas socialistas, o seu portavoz no Congreso, Patxi López, cualificou estas acusacións de "delirantes" e de pretender "emporcar" o terreo, alegando que "un empresario se reúne con moita xente". Porén, no lado da oposición, o portavoz do PP, Miguel Tellado, urxiu a Sánchez "dar a cara" e "delimitar as responsabilidades" no tocante ás supostas 'mordidas' na compra de máscaras por parte de diferentes administracións públicas.

Pero os acontecementos sucédense tan rápido que non dan case tempo a reaccionar ás e os afectados e o propio Tellado fica agora no albo. Segundo figura no auto do xuíz Moreno, Koldo García dixéralle ao presunto 'cerebro' da trama, o empresario Juan Carlos Cueto, que quedara "con Miguel Tellado e con Alberto [de quen non se confirma a identidade no escrito] ao día seguinte". A chamada tivo lugar o 2 de decembro do pasado ano.

"Nesa conversa, Koldo afirmou que comentara este asunto ao 'ex Ministerio onde traballaba antes', obtendo como resposta que este asunto non ten percorrido xurídico ningún", recolle o auto, en referencia ás xestións realizadas coa Administración balear para solucionar a reclamación de 2,6 millóns de euros realizada a Soluciones de Gestión, a sociedade albo da investigación. Á chamada do día 2 súmanse unha do 7 e outra do 14 de decembro. Na primeira Koldo dicíalle a Cueto que todo ía "por bo camiño". Na segunda, informaba de que o asunto do expediente de Balears estaba "máis que feito".

Preguntado por xornalistas nos corredores do Congreso, Tellado negou esta mañá "rotundamente" que se reunise co ex asesor de Ábalos. "Nunca me reunín con ningún membro da trama", dixo, e dirixiu a atención cara ao PSOE afirmando que si ten "relación con membros da trama" por compartir o hemiciclo coa presidenta do Congreso e ex mandataria de Balears, Francina Armengol; co propio Ábalos e mais con Santos Cerdán, que sería quen promoveu a Koldo García dentro do partido.

E o propio Cerdán saíu ao paso destas últimas informacións asegurando que "está claro" que Tellado "tamén estivo nalgunha reunión con Koldo", e preguntouse "quen é ese Alberto" que, con base no recollido no auto do xuíz en relación ao antigo asesor de Ábalos, mediaría para concertar encontros entre membros do PP e da trama.

Desde o PSOE insisten en vincular o PP coa presunta trama e fontes do partido citadas pola axencia Europa Press deslizan que os populares puideron "exercer presións" contra o actual Govern balear, presidido por Marga Prohens (PP) e que Tellado actuou "como intermediario". Para os socialistas, as conversas transcendidas até o momento no marco desta causa "deixan claro" que o Executivo que anteriormente presidía Armengol iniciou a reclamación contra a empresa "dentro do seu mandato e despois de analizar que a calidade das máscaras era válida para uso social, pero non suficiente para enviar a centros sanitarios".

Comentarios