O traballo de campo do CIS fíxose antes do eleitorado coñecer a marca Nós Candidatura Galega

O estudo realizouse entre o 27 de outubro e o 18 de novembro. A esa altura, como o propio CIS admite, o eleitorado aínda non coñecía a marca Nós Candidatura Galega. O mesmo aconteceu en Catalunya con Democràcia i Llibertat (a plataforma de Convergència).

O inquérito recolle só as respostas espontáneas de persoas que expresaron a súa intención de votar BNG, non de votar Nós Candidatura Galega, pon en destaque o propio CIS.

"As coligazóns denominadas Democràcia i Llibertat, en Catalunya e Nós-Candidatura Galega, na Galiza, formáronse avanzado o traballo de campo desta enquisa e os seus partidos minoritarios [Partido Galeguista, Partido Comunista do Pobo Galego, Coalición Galego, FOGA, no caso de Nós] non tiveron mencións. É por isto que na relación de respostas figuran Convergència e BNG, os seus respectivos componentes maioritarios, mencionados polos/as entrevistados/as espontaneamente", di o CIS.

Non tiveron mencións os parceiros do BNG na coligazón, mais tampouco a propria marca Nós Candidatura Galega.

Destarte, a intención directa atribuída a Nós Candidatura Galega (o 0,1% da mostra estatal, o duplo -0,2%- se se suma á intención directa a simpatía) sería, pois, do BNG.

As fontes da candidatura consultadas por Sermos enfatizan que o inquérito non recolle o "impacto positivo" do aparecimento de Nós como marca

O traballo de campo fíxose entre o 27 de outubro e o 18 de novembro. A esa altura aínda non se coñecía a marca Nós. Hai que ter en conta que as primarias para a elección das candidaturas tivo lugar o 8 de novembro e a Convención Nacional de lanzamento desta coligazón produciuse o 22 de novembro.

Fontes de Nós consultadas por Sermos Galiza enfatizaron que "aínda hai partido por diante" e que a candidatura "está indo a máis", como demostraría o feito de que "o inquérito, aínda que non recolle o impacto positivo do aparecimento de Nós, si indica que o 10% do eleitorado ve o BNG como opción de voto".

A positiva recepción da campaña de Nós Candidatura Galega nas redes sociais é un dos argumentos sobre os que as fontes consultadas por Sermos alicerzan a súa convicción de que "como ten acontecido tantas veces, derrotaremos os inquéritos".

Politicamente, hai un dado moi relevante no inquérito, a taxa de indecisión, situada no 41,6%. Un traballo feito con ese grao de incerteza na resposta do eleitorado convida a pensar que a cociña demoscópica estivo máis elaborada do que de costume. Loxicamente, con tal grao de indeterminación a capacidade preditiva do inquérito redúcese considerabelmente.

Comentarios