As traballadoras que testificaron no xuízo de Pachi Vázquez non lembran as súas entrevistas

O que fora líder do PSdeG senta no banco de acusados, con outras catro persoas, por un presunto delito de prevaricación continuada cando era rexedor do municipio do Carballiño (entre os anos 1995 e 2005). Fálase de irregularidades en até 60 contratos de empregadas e empregados para o Concello.
Un momento da sesión na que falaron as e os traballadores. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera Un momento da sesión na que falaron as e os traballadores. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

O terceiro día do xuízo ao ex secretario xeral do PSdeG, Manuel Pachi Vázquez, por presunta prevaricación cando era alcalde do Carballiño decorreu coas declaracións de até nove empregadas e empregados que intentaban demostrar que se cumpriron os principios de capacidade e méritos nas súas contratacións. Curiosamente, varias das persoas chamadas afirmaron non lembrar ben como foran as súas entrevistas ou as fases para conseguir o contrato do Concello "porque pasaron moitos anos".

Nesta vista na que están acusados Vázquez e outras catro persoas, para as que a Fiscalía pide inhabilitación política, as traballadoras deron diferentes versións. Moitas das testemuñas xa están xubiladas e, en xeral, dixeron non ter os detalles de como se incorporaron ao cadro de persoal do Carballiño.

En calquera caso, afirmaron que houbo probas entre diferentes candidatos. "Decateime dunha para para mecánico, presenteime e fixéronme as probas nun taller", comentou un ex operario. Mais non houbo máis detalles.

Papel da secretaria municipal

Tamén compareceron dous técnicos municipais que comentaron que a secretaria municipal "participaba activamente nos procesos de selección", algo que ela (que tamén está a ser xulgada) negara na vista oral previa.

O primeiro destes empregados indicou que moitas das altas eran grazas a "subvencións de entidades públicas", gran parte da Xunta, e que xa había unhas condicións marcadas previamente.

Comentarios