DEBATE A 5/Só Ana Pontón defende o direito a decidir

Feijóo acusa os golpes sobre a corrupción e fica claro que si habería un goberno alternativo

Desde o minuto 1 -primeira intervención de Ana Pontón- a longa sombra de Marcial Dorado proxectouse sobre o plató da TVG. E desde ese limiar foi abouxador o silencio de Feijóo sobre a súa relación co narcotraficante. O candidato do PP acusou os golpes sobre a corrupción do seu partido. O debate deixou claro que a esquerda e o nacionalismo comporán un goberno alternativo se suman suficientes escanos.

Debate a 5 CRTVG
photo_camera Un momento do debate

A primeira hora do debate xirou arredor do emprego, a economía e a situación dos sectores produtivos. Foi a inevitábel guerra de cifras entre goberno e oposición. Feijóo utilizou sempre a estatística do paro rexistado, non a EPA, a única fiábel. Neste puxilato, o líder conservador sempre se mostra cómodo, bástalle con aludir ás estatísticas amigas para tentar refutar os ataques dialécticos da oposición. Houbo un mangado de díxitos dun lado e do outro -dados sobre o paro, a demografia e a emigración, índice de produción industrial, evolución do PIB, do investimento en I+D+I- e nese sentido o debate foi unha reprodución -ao vivo, iso si, en prime time- dos debates parlamentares habidos nesta lexislatura: Feijóo a vender a mercadoría de que estamos no mellor dos mundos posíbeis e nacionalistas e progresistas a criticar as políticas de recortes e as receitas neoliberais aplicadas polo inquilino de Monte Pío.

En todo caso, o que ficou en evidencia é que Feijóo, con dados fiábeis, en ningún momento puido contestar os dous ataques principais das forzas chamadas a compor un goberno alternativo: primeiro, neste país hai menos emprego que en 2009 -como pon de relevo a EPA- e segundo, Galiza sofre unha moi preocupante contracción demográfica e o retorno do mal endémico da emigración, lastres para a modernización do país.

Voltou a ser invocado o espectro de Marcial Dorado, outra volta a partir dunha alusión de Ana Pontón

Mais o debate cobrou unha inusitada vida co cuarto bloco temático, o da Rexeneración Institucional. Aí Feijóo pasou apuros de verdade. Voltou a ser invocado o espectro de Marcial Dorado, outra volta a partir dunha alusión de Ana Pontón. E voltou Feijóo a se instalar no silencio como resposta, sen desta volta ser incitado a responder por alusións por parte do dueto de moderadores do debate. Non só paseou o fantasma do narcotraficante polo plató, tamén se insinou a figura de Pablo Crespo, o ex secretario de Organización do PPdeG, peza chave da Gûrtel, trama con inequívocas conexións galegas, como puxo en destaque a candidata do BNG. Luís Villares e, en menor medida, Leiceaga castigaron tamén o fígado de Feijóo neste round, neste caso máis con Baltar como albo do que con Dorado -aludido só oblicuamente polo candidato do PSdeG e Crespo.

Luís Villares e, en menor medida, Leiceaga castigaron tamén o fígado de Feijóo neste round

Feijóo respondeu, claro, era evidente que sabía que irían a por el co dossier da corrupción como espada. E disparou nun par de lances o dardo de Besteiro contra Leiceaga, e reservou tamén algunha cambadela a En Marea -a denuncia feita contra el desde a contorna crítica de Podemos- e a Ana Pontón por vellas contas pendentes do bipartito. Mais en xeral a impresión que deu Feijóo é a de falta de recursos para saír indemne da discusión nesta materia. Non admira que o presidente do PP limitase a súa exposición aos debates a este xogo na TVG, no escenario -un espectáculo excesivamente encortesado polas regras pactadas polos distintos partidos- máis favorábel posíbel para os seus intereses.

E na coda do bloco da corrupción chegou o outro momento estelar da noite, cando, talvez de forma pouco premeditada, Feijóo deslizou que os partidos da oposición "prohibiran" que se discutise no debate sobre hipotéticos acordos post-eleitorais. Craso erro táctico. Pontón, Villares e Leicega saltaron como cun resorte a afirmaren a coro que non tiñan ningún problema en falar diso. E fixérono. E deixaron cristalinamente claro que na hipótese de Feijóo non obter o apoio de no mínimo 38 parlamentares si haberá un acordo para a formación dun goberno alternativo.

Pontón, Villares e Leicega saltaron como cun resorte a afirmaren a coro que non tiñan ningún problema en falar de pactos post-eleitorais

Neste aspecto da cuestión, como polo demais no resto do debate, ficou tamén nidio o papel que irá xogar Ciudadanos nesa conxuntura, o de complemento da maioría absoluta do PP. Cristina Losada deu por feita a vitoria de Feijóo até en dúas intervencións. A súa mensaxe implícita foi algo así como: "tranquilas e tranquilos, Feijóo vai gañar, así que votádeme a min para moderar os seus excesos".

O bloco temático que puxo fin ao debate xirou arredor das propostas sobre as institucións de autogoberno. Ningunha sorpresa. A precampaña xa situou a cada quen no seu terreno. En Marea e PSdeG movéronse no mesmo campo, no do desenvolvimento do Estatuto de 1981, que consideran aínda apto para o país por non estar plenamente desenrolado. O PP aposta na continuidade do statu quo. Só Ana Pontón ergueu a voz para defender o direito a decidir do pobo galego e para -alén de demandar a igualdade xurídica plena do galego co español- reclamar un concerto económico para Galiza, isto é, a plena soberanía fiscal do país.

Concluíu así un debate que deixou ver as debilidades de Feijóo, un político vulnerábel cando a discusión é aberta e sen blindaxes, e mostrou que si existe alternativa á hexemonía do PP, unha alternativa necesariamente plural, progresista, con componentes autonomistas (En Marea e PSdeG) e soberanistas (BNG)

Comentarios