Teresa Ribera empraza a Xunta a acelerar os trámites dos proxectos de enerxía eólica
A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, apremou esta quinta feira a Xunta a axilizar a tramitación dos parques eólicos na Mariña, que permitirían abaratar a factura da enerxía á planta de Alcoa en San Cibrao (Cervo). Así, lembrou que en xaneiro vence o prazo, polo que é "capital" acelerar os trámites, porque non haberá prórrogas.
Ribera constatou, sobre estes parques, que xa llo pediu "ao presidente da Xunta, víñallo reiterando ao vicepresidente económico e á conselleira de Medio Ambiente, que é fundamental contar cunha valoración do órgano ambiental autonómico sobre posíbeis afeccións ambientais".
"En todo caso, nos proxectos que son xestionados e avaliados pola Xunta, mais tamén naqueles proxectos de maior tamaño nos que a resolución depende da Administración do Estado, respectamos a competencia autonómica", dixo, pero agregou que "é moi difícil avanzar nesa avaliación cando non existe a información que se solicita ao órgano ambiental competente".
"Resolver esta cuestión"
Para Ribera, é "capital poder resolver esta cuestión cando antes", por razóns de garantía, dixo, para promotores e investidores e, no caso da Galiza, en particular, cunhas apostas importantes desde o punto de vista industrial.
As declaracións da ministra tiveron contestación do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que garantiu que o seu Goberno traballa "con toda a intensidade" para cumprir coa súa parte na tramitación dos eólicos ligados a proxectos industriais.
A Xunta solicitara "sensibilidade" coa industria electrointensiva e pedira unha prórroga dos prazos fixados polo Estado a fin de garantir a correcta avaliación dos proxectos eólicos, mais Rueda explicou que a ministra ratificou que, aínda que había "moitas peticións" neste sentido, non ía ser posíbel.