venres 24/09/21

Tellado: "Sánchez non baixa o prezo da luz polo seu interese recadatorio"

O secretario xeral do PP na Galiza cre que a PSOE e Podemos "non lles interesa" baixar o prezo da factura da luz.
Comisiónd e Economía e Industria do PPdeG (PPdeG)
Comisiónd e Economía e Industria do PPdeG (PPdeG)

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, culpou directamente ao PSOE e a Podemos das reiteradas subas do prezo da luz e pediulles que actúen "pola vía da fiscalidade" para retirar da factura "aquelas cuestións que non teñen por que estar" e que "poidan ser financiadas a través dos Orzamentos Xerais do Estado".

As declaracións realizounas despois da sesión constitutiva da Comisión de Economía, Emprego e Industria do PPdeG, unha xuntanza que centraron no aumento da factura da luz.

Tellado acusou de maneira directa a Pedro Sánchez de non baixar o prezo da factura eléctrica polo seu afán recadatorio. “O que pretende é financiar a actividade do Goberno de España”.

“O prezo da electricidade se dispara e o Goberno non fai nada”, dixo o número dous do PPdeG, sinalando a responsabilidade do PSOE e de Podemos.

Ademais, engadiu que o problema non é que o Executivo central non logre baixar o prezo senón que “non lle interesa facelo, pois ingresará este ano perto de 3.000 millóns de euros máis grazas a esta suba, un aumento do 40%”.

Por todo isto, pediu ao Goberno que actúe para retirar da factura da electricidade aquelas cuestións que poden estar financiadas a través dos Impostos Xerais do Estado.

Alén diso, demandou que “a transición ecolóxica que pretende levar a cabo non saia do peto das familias españolas, algo que tamén afecta aos autónomos e pequenos comerciantes”.

comentarios