Suso de Toro incorpórase ao BNG

O escritor, autor dunha das obras máis influentes da literatura galega das últimas tres décadas, tramita a súa alta como afiliado do BNG. Así o anunciou na súa conta twitter. Referente intelectual no seu día da Esquerda Galega de Camilo Nogueira, Suso de Toro (Compostela, 1956) xa fixo parte da candidatura do Bloque ao Parlamento europeu en 2014. 

Entrevista Suso de Toro. 7-9-2015
photo_camera Suso de Toro

Con 70,4 mil seguidores en twitter, nos últimos tempos Suso de Toro tense revelado como un incansábel activista a prol dos dereitos nacionais dos pobos, con especial destaque para a causa autodeterminista catalá. É precisamente a través desta rede como o autor de Polaroid revela que solicitou a súa alta como afiliado no BNG. Faino como produto dunha reflexión xeral —"levo décadas analizando a vida social e política galega e española e xa sei o que da de si"— e impulsado tamén, talvez o empurrón definitivo, pola actitude adoptada polos diferentes actores da política estatal en relación ao tratamento dado a Galiza na proposta de orzamentos do estado para 2019: "Finalmente vexo como tratan a Galicia os partidos estatais nos presupostos cando non temos representación propia. Estamos indefens@s."

 

O anuncio tivo un inmediato eco. 879 corazóns a respaldar a decisión do escritor, 265 rechíos e múltiples comentarios, entre eles o da eurodeputada do Bloque Ana Miranda —"benvido Suso, sempre co corazón en Galiza. É unha honra enorme para nós ter a alguén tan valente e comprometido como ti"— e o do responsábel de comunicación da frente nacionalista, Xavier Campos —"Benvido Suso! Un pracer compartir casa para construír futuro"—. 

Comentarios