O subdelegado do Gobernoespañol cuestiona que Altri poida ter axudas do PERTE
Abel Losada considera que o proxecto de Altri "entrou con mal pé".
O subdelegado do Goberno español na provincia de Pontevedra, Abel Losada, sinalou esta segunda feira que o proxecto de Altri "entrou con mal pé por culpa da Xunta da Galiza", á que atribúe un "engano" sobre a natureza da actividade industrial proxectada, e trasladou as súas dúbidas de que a planta da multinacional poida ter encaixe nas axudas europeas no marco do PERTE de descarbonización.
En declaracións aos medios durante un acto en Meis (O Salnés), o subdelegado afirmou que "é evidente" a existencia dunha "contestación social e sociopolítica" fronte ao proxecto de Altri, e concluíu que a iniciativa "entrou con mal pé por culpa da Xunta".
Respecto diso, lembrou que, no seu momento, o Goberno galego presentou dito proxecto como unha instalación industrial de fibra téxtil, "de vangarda e coa última tecnoloxía". "E de golpe, cando pasamos do 'power point' á realidade, vemos que é unha produción de pasta de papel, de celulosa, que herda todos os problemas que ten este sector na Galiza", engadiu.
Para Losada, o "engano inicial" é un "feito obxectivo", e iso é precisamente "o que máis nos agride e o que máis nos afecta como sociedade".
Segundo explicou, o proxecto de Altri ten un impacto ambiental nunha zona "delicada" e con "saída directa á ría de Arousa" e, a maiores, abundou, "reproduce" o sistema da planta de celulosa de Pontevedra.
Así, explicou que se trata dun modelo que non finaliza o sistema produtivo nin remata a cadea de valor, polo que a Galiza seguiría mantendo unha "posición subsidiaria": ter custos ambientais e económicos, pero sen os beneficios da produción de materiais elaborados e con valor engadido.
O subdelegado do Goberno, que remarcou que non pretende cuestionar o traballo dos técnicos, advertiu de que "hai que ver" se, no marco da normativa PERTE, a instalación de Altri "ten sentido aí".
"É a primeira fase dun proceso produtivo cun custo ambiental alto. Se fose un proceso completo, podería haber medidas correctoras, pero non deixa de ser, en termos económicos, difícil de entender que teña unha subvención europea dentro do marco PERTE, que esixen uns niveis tecnolóxicos elevados e un impacto en niveis de descarbonización", subliñou Abel Losada.

