Estas son as tres Alcaldías rotatorias que haberá na Galiza após se constituíren as corporacións

Casa do Concello de Vilardevós /Foto: Estevoaeí)
As Alcaldías rotatorias que haberá neste mandato na Galiza están todas na circunscrición de Ourense.
  1. Ramirás
  2. O Bolo
  3. Vilardevós 

As tres Alcaldías rotatorias que haberá neste mandato na Galiza, a falta das 13 corporacións que quedaron pendentes, están situadas na circunscrición de Ourense: Vilardevós, O Bolo e Ramirás.

Ramirás

En Ramirás, ademais, o acordo que deu pé á rotación comprometida de dous anos naceu por sorpresa, dado que PP e PSOE -que se afasta da directriz acordada por socialistas e nacionalistas a nivel galego de favorecer gobernos progresistas onde fose posíbel- aliáronse para impedir que gobernase o nacionalista Marcos Menéndez.

BNG, PSOE e PP empataron con tres edís en Ramirás o pasado 28-M, sendo os nacionalistas os que obtiveron máis papeletas, seguidos dos socialistas e dos populares. 

Así, PSOE e PP pactaron un acordo rotatorio polo que a socialista Isabel Xil será alcaldesa os primeiros dous anos e os dous restantes será a quenda do popular Juan Carlos Rodríguez.

O Bolo

Tamén no Bolo se ratificou unha alcaldía rotatoria este sábado. O pacto neste caso produciuse entre PSOE e Somos O Bolo. O candidato socialista, Alberto Vázquez, foi investido e gobernará os dous primeiros anos. Os dous restantes ten o compromiso de pasar o bastón de mando a Miguel Ángel García.

Vilardevós 

En Vilardevós, así mesmo, confirmouse o acordo que xa transcendera esta semana polo que o PP perde a Alcaldía despois de 12 anos.

A socialista Eva María Pérez Magote asumiu no pleno de investidura o bastón de mando. Terao os primeiros dous anos do mandato municipal que agora arrinca e Tamara Balboa, de Interior Galego Vivo, os dous seguintes.

Tres corporacións quedan sen constituír na circunscrición de Ourense (Carballeda de Valdeorras, Celanova e Castro Caldelas -neste caso, haberá que repetir eleccións-).