Luís Bará, número 1 do BNG Nós por Pontevedra

"Somos nacionalistas, non collemos atallos nen bandeiras de conveniencia"

É, a respeito do 20D, o rosto novo do nacionalismo galego en campaña. Luís Bará (Vilaboa, 1965) está a desenvolver unha actividade frenética no tramo final da carreira cara ao 26X. Aténdenos por telefone á saída do mitin de Vigo, na noite da terza feira. Acredita firmemente en que o futuro na Galiza se chama nacionalismo galego.

Luís Bará. Campaña BNG. Xerais 2016. Reparto material informativo.
photo_camera Luís Bará, con Ana Miranda, nun reparto eleitoral

-Con que ánimos afronta BNG Nós Candidatura Galega o sprint final de campaña?

-Con moita confianza, con moita enerxía, porque tanto os actos políticos que estamos facendo como as xuntanzas ou o traballo de rúa, de repartos de material informativo, están sendo moi positivos pola resposta da xente. Estamos con moito ánimo. Eu teño o depósito cheo para esta recta final.

-Estás vendo a campaña como unha campaña fría ou desde dentro tes outra impresión?

-Como é a primeira que fago -digo de xerais, fixen outra pero non xerais, e na outra [refírese á do 20D] estiven máis nun segundo plano- o que che podo dicer é que nos actos que estamos a facer e na rúa vemos que si, que hai xente que está enfadada, que está cabreada, pero en xeral vemos bon ambiente, boa resposta e bastante participación. Outra cousa é esta dobre realidade, a realidade televisiva e depois a outra, de traballo social, de traballo de rúa, de poder mobilizar a nosa base social e de intentar chegar aos sectores que representan un pouco o espazo político ao que nós nos diriximos, non?

-E nese sentido pódese sobrevivir lonxe dos platós madrileño?

-Bon, digamos que nós non escollemos o camiño fácil. Estamos en política por principios e por valores e porque temos ideas, somos nacionalistas, non collemos atallos nen bandeiras de conveniencia. Nós pensamos que esta é a política que hai que facer. Agora triunfa máis a política convertida en mercadotecnia, pero eu creo que ao final o que vai quedar despois de todo isto é o que nós representamos e desde logo para Galiza como non estea o nacionalismo, pois o futuro vai ser moi sombrío, por iso nós temos confianza e a convicción de que hai que seguir adiante neste camiño, defendendo os principios que sempre defendemos e non coller atallos nin camiños fáciles.

Mitin Luís Bará. Campaña xerais 2016 BNG.-Que resaltarías do que che leva dito a xente coa que entras en contacto por primeira vez en campaña?

-En xeral, o que vexo é moita simpatía e moito recoñecimento do traballo político do BNG, do traballo de mobilización social, do traballo feito no Parlamento do Estado. Hai moito recoñecimento e moita consideración. Outra cousa é que se iso se converta en respaldo, se converta en voto, pero como principio eu creo que está ben, que haxa ese recoñecimento e esa valoración do noso traballo. Por iso o noso esforzo debe ser poñer en valor iso e intentar convencer a eses sectores aos que nos temos que dirixir que é necesario recuperar esa voz que estivo ausente nestes meses de lexislatura e polo tanto Galiza ten que estar e a única garantía de que estea é que estea o nacionalismo, que estea o BNG Nós Candidatura Galega.

-Como avalías a hipótese dunhas terceiras eleccións?

-Bon, é unha posibilidade que está aí. O panorama é bastante inestábel e de dificuldades para chegar a acordos. Non se ve, polos posíbeis aliados que terían que pactar, moita vontade de chegar a acordos. Estamos nunha política moi táctica, moi de postureo e de escenificación, e depois por detrás hai poderosas maquinarias dos partidos que condicionan as decisiós e non vai ser fácil. Pero o noso problema non é ese. O noso problema é facer un grande esforzo esta campaña e seguir despois para organizar e para fortalecer o nacionalismo e ter forza en Galiza e en todos os foros, tamén desde logo no Parlamento español, porque é fundamental que esteamos aí neste novo marco político onde vai haber oportunidades para actuar politicamente, para ter protagonismo, ser determinantes e inclinar a balanza a favor da Galiza. A nosa auténtica liña vermella é que na política madrileña Galiza conte, non como nestes meses en que non só estivo ausente senón que se lle faltou o respeito, nen sequer estivo presente nos documentos da negociación nen na propia escenificación por parte dos partidos políticos, mentres Valéncia si tivo un papel protagonista, Galiza foi unha convidada de pedra.

A nosa auténtica liña vermella é que na política madrileña Galiza conte

-Cando escoitas a típica mensaxe de que nestas eleccións non é útil votar o BNG, que pensas?

-Bon, a única forza política que ten lealdade, fidelidade, que a xente pode ter a garantía de que votándoa vai defender o mesmo aquí que en Madrid é o BNG Nós, polo tanto as outras forzas políticas ao final van facer o que digan en Madrid, os outros deputados e deputadas van defender as decisións que impoñan as direccións madrileñas. Polotanto, eu creo que a utilidade está en ter forzas políticas propias que defendan os intereses de Galiza. Esa lealdade, esa fiabilidade, só a pode proporcionar nestas eleccións o BNG.

-Que lle dirías a unha persoa indecisa entre votar BNG Nós Candidatura Galega e a unha forza política estatal?

-A mensaxe é que as persoas que lle queren a Galiza -as persoas que acreditan en que Galiza merece un futuro mellor e en que hai que apostar polo potencial, polos recursos, que ten o país, que hai que buscar alternativas tamén na modernización e na investigación e na tecnoloxía e na ciencia e en modernizar os nosos sectores produtivos tradicionais- pois todas esas persoas teñen que apostar por unha forza como o BNG porque é a única que vai poñer todo en desenvolver o país e en condicionar a acción do goberno español en relación a Galiza. É unha mensaxe que se dirixe sobre todo á xente que está defraudada, decepcionada, polo que foi o comportamento doutras forzas políticas que dicían representar a Galiza e que non o fixeron, e polotanto penso que teñen moitas razóns para cambiar o voto e neste caso votar BNG Nós.

-Que opinas da chamada Nova Política?

-Eu creo na política con principios, con ideas, con valores. Agora está triunfando un novo formato político que se basea no modelo americano, inspirado na mercadotecnia, na venda do produto, que envolve a mensaxe política como se fose un produto de venda comercial en función do que poden ser as necesidades concretas e puntuais dos consumidores e das consumidoras. Eu creo que iso é unha moda, pero que é unha moda que non vai durar. E o nacionalismo ten que estar en posicións de firmeza, de convicción, de coherencia sobre todo, de dignidade tamén e de orgullo por todo o que se conseguiu. Hai que ter confianza en que o futuro pasa por manter posicións dese tipo e non por buscar camiños fáciles que teñen que ver con iso que se chama nova política e que ten, digamos, envoltorios que poden ser atractivos, pero por debaixo non hai nen coherencia nen ideoloxía nen principios claros que oferecerlle á sociedade.

-Ves mobilizados os sectores tradicionalmente apoiantes do Bloque?

-Na realidade, hai digamos moita variedade de situacións, depende das distintas comarcas, dos distintos territorios. Hai zonas en que a nosa base social está moi mobilizada e motivada e outras en que a campaña se está a levar cun ritmo menos intenso.

"Imos a máis e estamos nunha remontada para conseguir o obxectivo de termos representación"

-Estase a tempo para reactivar a campaña nesas zonas?

-Desde logo. Durante a campaña houbo reactivación e un grao de mobilización alto. E iso vainos dar un plus de capacidade de chegar a xente e intentar dar ese salto cuantitativo de apoios para poder recuperar esa representación que tivemos.

-Estase indo de menos a máis, por así dicelo?

-Si, si, eu creo que desde logo. Polo que vexo aquí, na provincia de Pontevedra, mesmo na repercusión mediática, na imprensa escrita sobre todo, estamos tendo unha campaña con moita participación social, con moita interlocución con moitos sectores, iso está tendo resultados e repercusión. Creo que a presenza na rúa vainos dar ese salto. Imos a máis e estamos nunha remontada para conseguir o obxectivo de termos representación. A mensaxe de hoxe en Vigo [a entrevista foi realizada durante a noite da terza feira] foi esa: facer un chamamento á mobilización, a contaxiar esa alegría, ese ánimo, para traballar duro para conseguir ese grande resultado o 26X.

-Ves estas eleccións como unhas primarias das galegas ou non?

-[risos] Ben, está claro que tanto para nós como para as outras forzas políticas o resultado vai marcar a posición de partida para as novas eleccións. É induvidábel que estas eleccións tamén son unha oportunidade para o nacionalismo saír cohesionado e fortalecido e para encarar as galegas con garantías. Ademais, houbo neste tempo cambios do BNG de marcar unha liña política máis clara e máis visualizábel e tamén un liderado novo, un liderado dunha persoa moi capacitada, con coraxe, con enerxía e con talento como é Ana Pontón que nos pode tamén axudar a afrontar esa nova cita eleitoral con garantías, aparte de todo o traballo que temos como organización e o labor dos nosos goberno que tamén son unha referencia social de que o BNG é capaz de transformar a realidade e mellorar as cidades e as vilas do país e que pode ter un papel central no que pode ser un goberno galego.

Comentarios