Análise

A solución final de Feixoo

Fernando de Abel, doutor en Dereito e profesor titular de Dereito Administrativo da USC.
O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)
O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)

As noites de San Xoán sempre teñen algo especial. Pero esta noite foi moi especial para o pobo galego, porque un dos seus fillos mais ilustres, neste ano do señor, disponse a salvar España. Nada menos.

Hai que limpar, e velaí temos a Feixoo co hipoclorito e a hidrolimpadora. O tipo de lixo ao que se vai enfrontar na súa condición de eximio xestor non é nada novo, dado que se asenta na tríade de elementos esenciais da corrupción española contemporánea, que son o latrocinio, a bragueta fácil e o cinismo. Os tres elementos, con variación na súa intensidade, aparecen nos casos que máis transcenderon nos últimos 50 anos. Este que nos toca agora presenta ese perfil tabernario que tanto gusta, mesturado con unha dose de cinismo moi salientable –soy feminista porque soy socialista, dicía o príncipe da noite, que o rei da noite era rei–. Pero a trangallada sempre é igual.

Corruptibles e corruptos

Os sistemas democráticos, neste contexto, sempre teñen o mesmo problema: nos parlamentos e nos gobernos hai xente decente e válida, pero sempre hai unha porcentaxe de botarates que nunca pensaron en chegar a tanto e que, por seren precisamente botarates, son facilmente corruptibles. Algún día haberá que falar dos corruptores. Pero ese é un tema máis complexo, porque nun sistema capitalista os corruptores mandan moito.

O caso é que desta volta corrupta o elemento diferencial é, penso eu, o que manda. Sánchez non é un óso fácil de roer, e non porque sexa perverso ou malvado –unha soberana estupidez–, senón porque na dinámica da política a estratexia é a clave, e resulta que Sánchez é ante todo un grande estratego. A habilidade non lle vén de ler os clásicos, senón de aprender a golpes, e iso aínda o fai máis hábil, e máis perigoso para un aspirante como o noso Feixoo, menos feito a darse de hostias e máis orientado aos saberes enciclopédicos.

Se de Sánchez resulta fascinante a capacidade estratéxica para xestionar a política, o que fascina de Feixoo é a súa total falta de escrúpulos

Velaí o problema que temos. E do outro lado do cuadrilátero, a solución. Seica vai amañarnos o asunto o Partido Popular, unha organización condenada en tres ocasións por beneficiarse da corrupción, liderada por un tipo que nunha entrevista na televisión xustificou as súas fotos no barco explicando alegremente que en Galiza xa houbera un alcalde, o da Guarda, ao que lle chamaban 'Ligero' porque lle daba ao contrabando. Faltoulle poñer moitos mais exemplos, pero o argumento reflicte ben que o entrevistado ten a cara dura como o formigón armado.

O que lle faltaría agora a España sería que a gobernase o PP. Imaxinémonos a Mazón de ministro do Interior, ou a Ayuso de ministra de Sanidade, ou a Ramón Bilbao de xefe de gabinete colgando chíos nas redes despois de destilar todo o día. Fronte ao que pensa moita xente, o problema non é que o PP teña que gobernar con Vox. O problema é o PP.

Aritmética

Se de Sánchez resulta fascinante a capacidade estratéxica para xestionar o seu negociado, que é a política, o que fascina de Feixoo é a súa total e absoluta falta de escrúpulos. Xa sabemos que na política toca ás veces cambiar de discurso, ou defender o indefendible. Pero facelo como o fai Feixoo, con esa frecuencia e con ese descaro, ten moito mérito. É a Lola Flores da política: non canta, nin baila, pero non o perdan. Fala idiomas –castrapo–, leu un libro –aquel que escribiu Orwell aló por 1984–, pero a botarlle peito non hai quen lle gañe.

Claro que unha cousa é que a un lle chamen impostadamente presidente ata cando vai mercar unhas nabizas e outra moi distinta é que chegue a ser presidente do que quere. A aritmética non lle axuda ao noso querido líder e esperemos que tampouco lle axuden eses que se chaman os poderes económicos, que se están a forrar co PSOE. Ademais, parece que quedan por saír estes días unhas conversas moi interesantes entre outro galego universal, o señor Tellado, e o tal Koldo. Dous tipos refinados falando de miserias, a cousa promete. A ver que sae de aí.

A situación espanta. Como sainete non ten prezo, pero o malo é que non se pode vivir do teatro. A min non me da a cabeza para atopar unha solución boa, pero estarei atento ao Foro La Toja, que se celebrará na Toxa a principios de outubro e no que teremos a sorte de poder escoitar a Feixoo e a Raxoi, que seguramente achegarán entre os dous ideas para superar os episodios de corrupción. E se cadra tamén vén Felipe González, como outros anos, outro experto na materia. Vai ser todo un sopro de naftalina, agardámolo como auga de maio, pero en outubro.

Por certo, esquecíaseme: Tellado ministro de Asuntos Exteriores, e a deputada de Bande, directora do Instituto Cervantes. O do literato, non o de Cervantes provincia de Lugo.

Comentarios